A Concellería de Servizos Sociais informa do inicio do reparto no día de hoxe de cubrebocas reutilizables entre a veciñanza, material que foi confeccionado por máis de 40 voluntarios e voluntarias durante as últimas semanas.

Trátase de cubrebocas reutilizables de diferentes tamaños segundo a idade, e que as persoas interesadas deben solicitar no propio concello. Unha vez solicitados, recibiranse no domicilio de xeito totalmente gratuíto.

“Habilitamos un correo electrónico para que se fagan as solicitudes e esta é a canle prioritaria. Os interesados e interesadas deberán enviar o correo a cubrebocasmugardos@gmail.com indicando a súa dirección, e número de adultos menores de 70 anos e número de neno/as (coa as súas idades) que hai no domicilio. Aqueles que non poidan enviar un correo electrónico, deberán chamar ao 981 470 338 (extensión #2028) de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas” informou Ana Varela, responsable do departamento que desde fai semanas coordina todo o equipo municipal e de voluntarios e voluntarias que foi necesario para pór en marcha esta iniciativa.

Varela quixo destacar de maneira especial o traballo dos homes e mulleres que colaboraron e agradecer unha vez máis o compromiso mostrado “Non hai palabras para agradecer a todas esas persoas anónimas todo o que están a facer: desde persoas que non cosían desde facía anos e que volveron coller unha agulla para axudar cos cubrebocas, persoas que chamaron para poñer a disposición as súas máquinas ou o seu material porque non podían coser eles, rapaces e rapazas que non saben coser pero que se ofreceron para cortar as teas. A todas esas persoas que traballaron durante horas, ás que se ofreceron e non chegaron a traballar por que xa non quedaban teas, a todas as que adicaron o seu tempo para axudar ao pobo de Mugardos quero dicirlles que é una honra para este equipo de goberno e para este concello ter contado coa súa colaboración. Esta onda de solidariedade é abrumadora”.