O Concello de Mugardos anuncia o inicio das tarefas de desinfección programadas por parte da administración local e que terán lugar nos espazos de maior afluencia de persoas nestes días: todas as farmacias sitas no termo municipal, así como os comercios de venta de alimentación. Inclúese neste plan de traballo o centro de saúde e o mercado municipal.

O Concelleiro de Servizos Jorge Kuntz afirmou que as tarefas de desinfección durarán o tempo que sexa necesario para garantir a máxima seguridade a todos aqueles que teñan que saír dos seus domicilios.

Esta campaña englóbase dentro das medidas postas en marcha polo goberno local para poner freo á propagación do coronavirus e nunha aposta decidida polas medidas preventivas.

Un dos puntos que máis problemas está a causar para seguir avanzando nas medidas preventivas está a ser a adquisición de material de protección para os traballadores municipais con máis risco de contaxio.

Logo da remisión dunha comunicación á Delegación do Goberno en Galicia por parte do Alcalde Juan Domingo de Deus o pasado mércores solicitando ter acceso ao material de protección (mascarillas, guantes, lentes, gel desinfectante e batas) para a plantilla municipal, o concello segue á espera de recibir unha resposta que permita a disposición inmediata dos EPIs.

“Temos todo listo. Estamos á espera de recibir o material” afirmou o Alcalde Juan Domingo de Deus que tamén anunciou que o Concello xa comunicou as necesidades de material á FEGAMP a través da enquisa de subministación de material habilitada na súa web pola organización ante o desabastecemento.

“Os traballadores e traballadoras municipais dos servizos máis sensibles en tema de contaxios están a mostrar un compromiso absoluto e nós queremos que realicen o seu traballo coa máxima seguridade, tanto para eles como para a veciñanza. Estamos seguros de que este é un principio compartido por todos” rematou o rexidor municipal.