Mércores, 23 Agosto de 2017

Mugardos e a súa historia

Mugardos é, a pesar da súa reducida extensión, un dos municipios de maior personalidade histórica da comarca ferrolana.

A antigüidade

O que hoxe é Mugardos está situado no chamado antigamente Sinus Artabrorum, coñecido actualmente como Golfo Ártabro.

Neste territorio atópase a península de Bezoucos cunha superficie aproximada de 52 km² e que foi habitada desde a prehistoria, contando con achados e hábitats desde as épocas máis antigas da humanidade.

Esta circunstancia marca a riqueza deste territorio, que continuará na época romana con novos tipos de asentamentos.

A presenza romana en Mugardos, ao igual que no resto do Golfo Ártabro, foi importantísima. Na actualidade toda a costa mugardesa está ateigada de restos de estruturas romanas.

302

O medievo

Trala desaparición do Imperio Romano no s. V, unicamente persistirá inalterable unha institución que se estende por todo o antigo territorio imperial: a Igrexa.

Esta manifestarase desde o primeiro momento como continuadora da idea de centralización e de organización xerárquica da sociedade. O poder da Igrexa non deixará de medrar desde os principios da Idade Media.

No “Parrochiale” (s. VI) aparece por primeira vez o nome de Bezoucos (Besaucos), como un dos dezaseis arciprestados da Episcopal de Iria. O nome de Bezoucos deriva do antigo Bisaquis, significando “entre dúas augas”, e fai referencia aos ríos Xuvia e Eume que delimitan a península do mesmo nome.

As familias aristocráticas, con importantes membros distribuídos estratexicamente nos postos máis representativos do poder señorial, tanto laico como eclesiástico, detentarán practicamente a totalidade do patrimonio territorial.

Aos campesiños non lles quedará máis remedio que “encomendarse” a un señor para que este os protexa e defenda nestas épocas tan convulsas política e socialmente. A cambio o señor recibirá unha serie de impostos en especie. Será o comezo da feudalización.

As disputas céntranse entre o estamento nobiliar e o eclesiástico polo dominio económico e político: gañará o señorío eclesiástico. Estas loitas sinalarán o século XI como un tempo de grande inestabilidade.

O 28 de decembro de 1067, nun documento de venda dunhas propiedades de dous mugardeses ao abade de Caaveiro, Tedón, citaranse por primeira vez tanto o nome da vila como o do porto de Mugardos.

Neste século xorde a figura do “cabaleiro”. O cabaleiro cumpre unha función de intermediario ou encomendeiro entre o poder relixioso e o campesiñado.

En tempos de debilidade do poder real, estes nobres apodéranse pola forza de encomendas dos mosteiros e, co tempo, pretenderán facer legal esta usurpación. Esta nobreza dos cabaleiros, será a causante dos abusos e rapiñas de todo tipo que exercerán sobre a poboación campesiña nos séculos finais da Idade Media.

En Bezoucos, o cabaleiro que pretendía apoderarse dos territorios que posuía en encomenda, era o señor de Andrade.

As protestas dos campesiños chegaban ao monarca, quen emitía unhas cédulas obrigando aos cabaleiros a devolver as encomendas usurpadas. Pero estas ordes reais eran incumpridas frecuentemente, xa que o rei non tiña medios para poder executalas.

A partir de agora, as posesións dos Andrade non deixarán de estenderse, xa por novas doazóns reais, xa por usurpación de encomendas. Contra finais do s. XIV Fernán Pérez construirá mosteiros e dotaraos abundantemente; moitas destas dotacións eran terras usurpadas anteriormente.

“O Bóo” construirá o convento de Montefaro (1392), a quen doa numerosas propiedades, a maior dotación foi a da vila de Mugardos co seu couto, xurisdición e señorío.

O Andrade exime dos impostos e serventías que lle pagaban a el os mugardeses para que a partir dese momento estes llas deran ao mosteiro; así mesmo, era o convento quen nomeaba xuíz e alcalde na vila de Mugardos. Todas estas circunstancias iniciarán unha serie de conflitos entre os mugardeses e o convento.

Os habitantes de Mugardos intentarán axiña liberarse da vasalaxe á que son sometidos polos monxes de Montefaro e iniciarán un preito que non rematará ata o ano 1805.

O preito Montefaro-Mugardos

108

O inicio do preito baséase na falta dun documento que confirme que os Andrade son os lexítimos propietarios e señores de Mugardos. Este é o principal punto que alegan os habitantes de Mugardos para rexeitar o señorío dos Andrade na súa vila.

Sosteñen os mugardeses, que os Andrade usurparon ao mosteiro de Caaveiro unha gran parte dos territorios que este posuía en Bezoucos, incluíndo Mugardos, que os Andrade tiñan en encomenda. É dicir, que os Andrade, segundo os mugardeses, dotaron a Montefaro de propiedades que non lle pertencían legalmente.

Nun documento de Henrique II, de 1397, este doa aos Andrade varios territorios entre os que se conta a freguesía de Mugardos. Hai que matizar que a freguesía de Mugardos referíase estritamente ao territorio pertencente á igrexa parroquial.

O couto era máis extenso e posiblemente fora este o que se apropiaron os Andrade, aproveitando unha doazón de menor rango. Existen documentos de reinados posteriores nos que os reis Henrique III, Xoán II e Henrique IV esixen aos nobres que devolvan os territorios retidos ilegalmente, entre estes aparecen os Andrade.

Fin da dependencia señorial de Mugardos

111

Foron constantes as queixas e demandas que presentaron os veciños para liberarse da dependencia de Montefaro e pasar a depender da xurisdición real. As reivindicacións toman máis forza a partir do século XVIII co avance das ideas liberais en Europa.

A demanda dos mugardeses pasa ao Fiscal do Consello de Facenda, quen librou Real Provisión ao mosteiro de Montefaro para que presentara o título ou títulos polo que obtiñan a Xurisdición da Vila de Mugardos.

O Convento presentou, en xaneiro de 1803, o documento da doazón que fixera Fernán Pérez de Andrade o 1 de xullo de 1397, polo que se cedía o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro á xurisdición da Vila de Mugardos con todo o señorío dela. Faise tamén referencia a que a vila ficou en poder de Fernán Pérez debido á doazón feita polo rei Henrique II.

Os veciños de Mugardos contestan que este documento presentado polo convento non é válido para probar a posesión, xa que o señor de Andrade fixo unha doazón de algo que non lle pertencía, e posto que o Mosteiro non presenta o título ou documento polo que o rei Henrique II cedía a Fernán Pérez de Andrade a xurisdición sobre Mugardos.

O Fiscal amósase de acordo coas teses defendidas polos mugardeses, e ordea ao Mosteiro que presente “los títulos primordiales de la egresión de la Corona de la Jurisdicción”, e, de non facelo así, procederase ao secuestro da citada xurisdición.

Atopámonos xa en xullo do ano 1803, e a partir de aquí o proceso de demanda xira sobre o mesmo tema: a imposibilidade do Mosteiro de Montefaro de presentar o título requirido polo Real Consello de Facenda. En decembro de 1803 lévase a cabo o secuestro da Xurisdición de Mugardos, quedando abolidos deste xeito todos os privilexios dos que gozaban os freires de Montefaro na real vila, ata que se producise a sentenza definitiva.

O preito alóngase, fundamentalmente polas sucesivas reclamacións que fai o Mosteiro tentando convencer ao Real Consello de Facenda e facer valer o documento de doazón de Fernán Pérez de Andrade como válido para xustificar o seu dominio da vila de Mugardos.

112


A sentenza non chegou ata o ano 1805, e foi redactada nos seguintes termos: “Se declara haber lugar a la incorporación a la corona de la Real Villa de Mugardos, su jurisdicción, señorío, y demás derechos anexos a ella. Los Señores de las dos Salas de Justicia y demás togados del Real y Supremo Consejo de Hacienda de S.M. así lo proveyeron, y rubricaron en Madrid a cinco de Enero de mil ochocientos cinco”.

O Convento interpuxo Instancia de Súplica que lle foi admitida, pero non foi estimada, redactándose entón a sentencia definitiva: “La Sentencia de vista del Consejo de cinco de Enero de este año se confirma. Los Señores del Real y Supremo Consejo de Hacienda de S.M. de las dos Salas de Justicia, y demás togados, así lo proveyeron y rubricaron en Madrid a primero de Abril de mil ochocientos cinco”.

Posteriormente, o Real Consello librou a correspondente Real Carta executoria da sentenza, a pedimento dos veciños de Mugardos:

“Por lo qual os mandamos que luego que la recivais, ó con ella fuereis requeridos, veais la Sentencia de Vista y revista dadas por los del dicho Nuestro Consejo en cinco de Enero, y primero de abril de este año que aquí van instertas. Y cada uno de vos en la parte que os corresponda las guardeis, cumplais y ejecuteis, y hagais guardar, cumplir, y ejecutar en todo, y por todo según como en ella se previene y manda, sin contradecirlas, ni permitir se contravengan en manera alguna, pena de nuestra merced, y de cincuenta mil maravedís para la nuestra Cámara, y gastos de justicia por la mitad al que lo contraviniere, por ser asi nuestra voluntad. Y mandamos también vajo la qual dicha, y en la misma aplicación a qualquier nuestro Escrivano público, ó Real de estos nuestros Reynos y Señorios que en esta Real Carta fuere requerido, la notifique a quien convenga, y de ello dé el testimonio o testimonios convenientes”.