Martes, 27 Xuño de 2017

Turismo

Mugardos ofrece moitas posibilidades aos visitantes, as súas orixes mariñeiras danlle un carácter especial. Ademais tamén podemos atopar mostras de arquitectura indiana, militar e relixiosa.

Arquitectura Indiana

116A vila mariñeira do Seixo é un dos mellores exemplos de Galicia para gozar da arquitectura indiana.

As orixes deste tipo de construcións remóntanse a finais do século XIX e comezos do XX, cando regresaron aqueles emigrantes das Américas que fixeron fortuna e promoveron iniciativas que axudaron a mellorar as condicións de vida dos seus veciños.

Así, levantaron escolas, pontes, lavadoiros, casinos e vivendas que imitaban modelos arquitectónicos dos países de acollida.

É o caso do Casino Progreso, de Franza, de estilo modernista, ou o Grupo Escolar Francisco Vizoso, a escasos metros do anterior con pranta rectangular, vanos de distintas formas e un corpo central con dous balcóns.

O Chalé de Esperante, de finais do XIX, no centro do Seixo, destaca pola súa cuberta a oito augas, tipo chalé alpino e a súa decoración a base de ladrillo e madeira traballada a modo de encaixe.

Finalmente, e tamén no Seixo, a casa Montero Cabana, de 1925, consta de tres alturas e nela sobresae a bufarda da cuberta.

Arquitectura Militar

118Polo que se refire á arquitectura militar, o Castelo da Palma é, sen dúbida, un dos grandes atractivos de Mugardos, tanto polas súas características arquitectónicas como polos episodios históricos que protagonizou xunto co Castelo de San Felipe, na outra beira da ría, e polo entorno natural no que se ubica.

Construído en 1597 e reformado en 1869, atópase ao final da estrada C-122, despois de contornear a bonita enseada do Baño e atravesar a aldea da Redonda.

Xunto co Castelo de San Felipe, no lado oposto, a escasa distancia, xogou un papel defensivo fundamental en varios episodios bélicos cando, a partir do século XVI, as condicións da protexida ría, chama a atención da Coroa, que a converte en estratéxica, pasando a ser a cidade de Ferrol capital do Departamento Militar do Norte e lugar de ubicación dos Asteleiros Reais e do Arsenal Militar.

Desde estes dous castelos controlábase, xunto co desaparecido castelo de San Martiño, todo o tráfico da ría, bloqueando o paso das embarcacións tendendo unha cadea entre as distintas fortificacións que facía infranqueable a ría.

Arquitectura Relixiosa

Entre as moitas mostras de arquitectura relixiosa que atopamos no municipio, é a igrexa de Santiago de Franza a que posúe máis valor artístico. De estilo neogótico, presenta unha única nave con bóvedas de crucería. No seu interior destaca o sepulcro renacentista de Pedro de Sillobre, señor de Boado, nobre local do século XVI.120

A igrexa de San Xiao, ou de Arriba, ten unha posible orixe románica tardía, con engadidos barrocos, como a torre de 1845. Conserva no interior un interesante retablo barroco. Cerca da igrexa destaca o fermoso cruceiro de San Xiao, en bo estado de conservación, e que presenta símbolos da paixón.

Entre as igrexas de construción posterior e estilo neoclásico atópase a de San Xiao de Abaixo, a de San Xoán de Piñeiro, con lucernario, e a igrexa de San Vicente de Meá, erguida no século XIX sobre unha capela do XVI, adicada a Santa Lucía.

Outro interesante exemplo constitúeo a capela de Lodairo ou da Ascensión, en Franza, cerca dun camiño de peregrinación. Data de antes do século XII e presenta unha soa nave cuberta cunha bóveda de canón.

Neste mesmo espazo atópase o cruceiro de Lodairo, do século XVIII, cunha antiga cruz cun Cristo e coa Virxe en posición orante. Aquí celébrase unha popular romaría o día da Ascensión, con peregrinación ata a ermida e comida campestre.