Mércores, 23 Agosto de 2017

Lugares con encanto

Bañado pola ría, o municipio de Mugardos posúe un profundo sabor a mar. O relevo é ondulado e bastante baixo, típico de costa, formando paisaxes preciosas e pintorescas. A súa ría conforma un espazo ideal para o marisqueo polo seu fondo de areas e limo.

89

Todo o territorio mugardés enmárcase nunha franxa costeira onde se atopan diferentes enseadas - O Baño, A Barca, Santa Lucía, O Seixo - puntas - Redonda, Peteiro, Ratón, Leiras, Promontoiro e O Seixo-, e a praia da Bestarruza. Por iso é imposible falar de Mugardos e non do mar.

Un dos seus principais atractivos radica no conxunto formado pola vila e o porto, coas súas vistas á ría. Podemos iniciar o paseo dunha forma peculiar, facendo a viaxe duns 10 minutos desde Ferrol, gozando da paisaxe e da brisa mariña. Dende o mar tense unha perpectiva descoñecida da espectacular entrada da ría, cos castelos da Palma e de San Felipe enfrontados.

Chegamos entón ao delicioso e concurridísimo paseo marítimo, onde se desprega unha grande actividade relacionada co mar (calafateado, maza do polbo, limpeza do peixe...).  Partindo desde a Casa do Reloxio, sede da Cofradía de Pescadores e Oficina de Turismo, encontraremos as casas de balcóns corridos tan típicas da costa coruñesa, algunhas delas con galería, que acentúan o encanto de Mugardos como vila mariñeira. Este espazo denomínase Cantón da Mariña, xusto ata o monumento á Áncora, na rotonda de subida ao centro urbano.

A partir de aquí, entraríamos no que se chama Cantón de Cora, que se estende ata o acceso á praia da Bestarruza. Entre os dous cantóns, encontraremos a Fonte do Loureiro, e recordaremos a lenda segundo a cal todo aquel que bebese da súa auga casaría cunha muller de Mugardos.

O paseo bríndanos, ademais, a posibilidade de degustar, en calquera dos mesóns, que se suceden un tras outro, o famoso polbo á mugardesa, á galega, en empanada... en calquera das súas variantes fai as delicias dos moitos turistas que se achegan cada fin de semana.

83

Despois de repor forzas val a pena continuar o cómodo paseo polo porto ata a acolledora praia da Bestarruza, moi resgardada e de augas tranquilas, onde aínda podemos observar as ruínas da antiga Fábrica de Salazón, do século XVIII.

A enseada do Baño, encontrarémola en dirección ao Castelo da Palma, a través dun agradable paseo rodeado de árbores e unhas inmellorables vistas, no lugar das Mareas. Pasado o Pazo do Baño e  a ponte sobre o río Esteiro, podemos tomar o desvío a man dereita, que nos levará polo Camiño Vello, ao lugar da Redonda, co seu pintoresco faro e cunha pequena enseada onde poderemos ver ás mulleres mariscando.

Se seguimos a estrada gozaremos dunha imaxe grandiosa co Castelo da Palma e o de San Felipe e a estreita e espectacular boca da ría. A escasos metros do Castelo da Palma está situada a gran rocha circular coñecida como " da raíña", en memoria do desembarco de Mariana de Ne114oburgo, cando viaxaba para reunirse co seu futuro esposo o rei Carlos II.

A panorámica é inmellorable se continuamos ata o Monte da Bailadora, a uns 265 metros sobre o nivel do mar, de especial interese natural. No cumio consérvanse restos de antigas baterías militares. Desde alí a imaxe das rías é dunha fermosura incomparable, digna da mellor postal.

A Enseada da Barca é outro dos espazos de interese natural. A esta enseada chégase a través de itinerarios nos que a natureza exhuberante e o mar son elementos omnipresentes, agasallándonos con mil clases de brillos e tons. Neste espazo extráese a mellor ameixa da ría.

A visión das mariscadoras reflexadas nas fértiles augas das que obteñen o prezado froito é irrepetible, enmarcadas por un dos conxuntos mariñeiros máis pintorescos do territorio: O Seixo; o seu porto de decoradas e coloristas casas con fiestras e balcóns de brillantes cores, algunhas con embarcadeiros, xunto con sintuosas mansións modernistas e indianas forman un conxunto arquitectónico único.

O Seixo conserva un dos mellores conxuntos arquitectónicos de vila mariñeira galega.