Domingo, 26 Marzo de 2017

Rutas

Pódense propoñer multitude de rutas polo Concello de Mugardos. No peirao de Mugardos, moi preto da zona de atraque da Lancha de Mugardos encontrarán a Oficina de Turismo.

Ruta de cicloturismo trazado Mugardos - Segaño

28Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol.

Percórrese o paseo dirección ao Cantón de Cora desde onde ascendemos pola rúa Real á L-131 (rúa do Peteiro).

Polo lugar das Mareas arrodeamos a enseada do Baño (enseada fermosa na que se atopa a praia da Bestarruza) primeiro nun descenso e logo nun ascenso á punta Redonda.

Na fin do rodeo á enseada do Baño chegamos ao fermoso lugar da Redonda, un miradoiro excelente de Mugardos e da súa praia da Bestarruza.

35Ao pasar a Redonda abandonamos as últimas vivendas do Concello para atoparnos co Castelo da Palma, unha impresionante fortificación militar orixinaria do S.XVI que controlou no seu día a boca da ría conxuntamente co Castelo ferrolá de San Felipe.

Desde o Castelo imos paralelos ao mar xa en camiños de terra ata a punta do Segaño (xa no concello de Ares).

Desde esta punta temos unha magnifica panorámica do océano Atlántico, da entrada da ría de Ferrol, do Porto Exterior e se fai bo día…ata onde nos acade a vista.

Neste punto percorremos 6 quilómetros, aquí temos a opción de voltar polo mesmo camiño a Mugardos ou seguir dirección á enseada de Chanteiro, onde atopamos unha bonita praia recollida dos ventos.

Desde aquí, rodeando os montes de Montefaro e Bailadora polas parroquias aresanas de Chanteiro e Cervás, para atacar o seu ascenso polos lugares de Monte, Sandei e Barra cara Roibeiras e a enseada do Baño xa en Mugardos.

Aos 400 m. de comezar o ascenso do Pazo das Condesas na L-131 tomamos un desvío á dereita que nos leva á igrexa de San Xiao de Mugardos, e desde alí chegamos á rúa do Cristo e descendemos pola rúa Alta ata a igrexa de San Telmo, para seguir descendendo cara o peirao e completar os 13 km deste percorrido.39

Ruta de cicloturismo trazado Mugardos - O Seixo

Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol.

Percórrese o paseo dirección Cantón de Cora desde onde se ascende á Avenida de Galiza cara ao lugar do Penedo, pola estrada do Seixo.41

Séguese esta estrada paralela á ría ata chegar ao Seixo, pobo pequeno e fermoso que conta cun embarcadoiro e unha arquitectura mariñeira propia da zona.

Deste lugar continuamos cara a igrexa de Franza e dirixímonos cara a estrada L-122, que cruzamos cara a capela da Ascensión xa na Parroquia de San Xoán de Piñeiro.

Neste tramo existen numerosas arboredas que fan moi agradable o paseo no verán.

Desde este lugar dirixímonos cara a Seselle, e aos 300 m. tomamos a estrada de servizo paralela á vía rápida de Mugardos–Fene, que nos deixa na rotonda de Franza, desde a que imos á igrexa de San Vitorio.

Chegado a este punto dirixímonos aos lugares de Rilo, Areosa e os Casás para descender á igrexa de San Vicente de Meá e volver ao peirao de Mugardos pola rúa Contramaestre Casado, pasando polas Casas Baratas, o Campo dos Carneiros e baixada á Casa do Reloxo.

Este percorrido acada os 12 km. sendo na súa meirande parte zonas interiores do concello. Os tramos son todos transitable e acaídas para circular en bicicleta.45