Mércores, 23 Agosto de 2017

O Concello de Mugardos recomenda á veciñanza non plantar ou sementar pataca

/ Luns, 13/02/2017 - 10:32
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Esta recomendación é temporal á espera da publicación do Real Decreto de medidas de control polo Ministerio de Agricultura.

O Ministerio de Agricultura publicará este mes un Real Decreto de medidas de control da praga da couza guatemalteca no que podería entrar en vigor a prohibición de plantar patacas en 31 concellos do norte de A Coruña e Lugo.

A praga denominada “couza guatemalteca da pataca”, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny, é unha das de maior importancia económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos que se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996).

En Europa este insecto foi observado e identificado nas Illas Canarias (1999-2006). A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é preciso tomar medidas para a súa erradicación e control.

Os danos son causados pola larva, tanto en campo como en almacén, penetrando no tubérculo para alimentarse facendo galerías, sendo o tubérculo de pataca o único hóspedador desta praga.

A evolución en Galicia desta praga foi enorme. En novembro de 2015 había só 3 concellos afectados, todos no norte da Coruña: Ferrol, Narón e Neda. Un ano máis tarde, a cifra multiplicouse por 10. A prohibición de sementar pataca tenta atallar a extensión do foco, do que se teme que chegue ás grandes plantacións situadas en bisbarras como A Limia ou Bergantiños.

O Concello de Mugardos recomenda á veciñanza non sementar, xa que existe o risco de que unha vez publicado este Decreto se obrigue a erguer a plantación.

Esta decisión tómase, unha vez publicada pola Xunta de Galicia a resolución na que se amplía a zona afectada pola praga da couza incluíndo ao Concello de Mugardos e logo de manter unha reunión os concellos implicados coa Directora Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o Subdirector Xeral de Explotacións Agrarias.

  1. Consulta a resolución da Xunta de Galicia nesta ligazón.

 

(Fonte: http://www.gciencia.com/medioambiental/multiplicanse-concellos-corentena-pataca/)