Sábado, 29 Abril de 2017

XV Certame de Relato Curto en Galego

/ Xoves, 23/02/2017 - 11:40
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a quince edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos. O prazo de inscrición abrangue todo o mes de marzo.

BASES 

  1. Primeira: Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
  1. Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003). O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
  1. Terceira: Establécense tres categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
  • Categoría de iguais ou maiores de 18 anos; premio un bono de 400€.
  • Categoría de 13 a17 anos, ambos inclusive; premio un bono de 200€.
  • Categoría de ata 12 anos, inclusive; premio bono 100€.

O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.

  1. Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoría á que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que deberá conter no seu interior os datos dos autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono) e fotocopia do documento de identidade ou pasaporte, ou no seu defecto libro de familia, así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
  1. Quinta: O prazo de entrega dos relatos será durante todo o mes de marzo. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: XV CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avda. de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
  1. Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galegas, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
  1. Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor, podendo cederlle ao premiado/a o uso e reprodución. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
  1. Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
  1. Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.

Descarga e consulta a documentación completa: