Mércores, 23 Agosto de 2017

O Concello de Mugardos organiza a I Milla Nocturna o vindeiro mes de abril

/ Martes, 07/03/2017 - 09:23
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos lanza a I Milla Nocturna Concello de Mugardos co obxectivo de promover a carreira a pé entre toda a poboación.

Esta carreira terá características que a farán diferente.

  1. Por unha banda realizarase no solpor do sábado 1 de abril coa intención de que as últimas carreiras das categorías adultas sexan de noite.
  2. Por outra banda haberá distancias para todas as idades, dende os 300 metros para a categoría Prebenxamín, 800 metros para a categoría Benxamín e xa a distancia oficial da milla 1609 metros para  todas as demais categorías: Alevín, Infantil, Xuvenil-Iunior, Promesa, Senior e Veterán. 

O circuíto será na Avenida do Mar de Mugardos que quedará totalmente pechada ao tráfico dende as 19:30 horas ata as 22:00 horas, sendo a saída e a meta no Parque da Constitución.

A recollida de dorsais farase dende as 18:30 horas na Oficina de Turismo situada no Cantón de Cora, en pleno paseo marítimo mugardés.

778

O Concello entregará medallas conmemorativas aos tres primeiros postos de cada categoría agás nas probas Prebenxamin e Benxamín nas que terán un obsequio todas as persoas participantes. Ademais haberá tres trofeos para  as tres primeiras marcas absolutas masculina e feminina.

Ao remate das probas haberá chocolate e bica para todas as persoas participantes.

  • A información e as inscricións faranse a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até 3 días antes da proba.