Luns, 23 Outubro de 2017

O Concello de Mugardos ultima os detalles dunha renovada Festa do Polbo

/ Venres, 14/04/2017 - 13:21
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos presenta a imaxe da “XXVII Festa do Polbo”, que por primeira vez centra o protagonismo na singularidade do prato que se cociña na nosa vila, o “polbo á mugardesa”, e que a diferencia doutras festas do polbo que se celebran por todo o país onde se serve o tradicional polbo á feira.

O cartel desta edición foi ideado pola recoñecida marca de deseño galego Rei Zentolo, e deixa ás claras que a nosa é unha receita diferenciada. Máis que celebrar un día de festa, o Concello de Mugardos quere incidir este ano na promoción dun prato ao que lle dedica unha festa enteira e que é un dos principais reclamos para visitar a nosa vila.

Parello á presentación do cartel desta edición, o Concello de Mugardos adianta tamén novos cambios no formato dunha festa que non deixou de evolucionar desde o seu nacemento no 1991. A declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia chegou no 2009, e estableceu tamén unha data inequívoca da súa celebración: cada ano, o segundo sábado do mes de xullo. Un dos motores deste exitoso crecemento foi a reflexión constante do que supón a Festa, que así é quen de manterse á altura das esixencias actuais, procurando a excelencia gastronómica como tarxeta de presentación da hostalería local.

Antes de dar este novo paso, o Concello quere agradecer ás entidades locais a súa participación, desde Anduriñas 9, a Comisión de Festas coa que arrancou, como tantas outras que foron pasando polos fogóns. Esta XXVII Festa do Polbo incidirá no rigoroso control sanitario e da trazabilidade dos produtos elaborados e a coordinación de profesionais da cociña mugardesa. Cando restan aínda varios meses para a súa celebración, o Concello traballa xa no peche de cada un dos detalles para recibir mellor ca nunca os milleiros de persoas que se achegan ata un dos paseos marítimos máis fermosos do litoral galego, o da vila de Mugardos.

798