Mércores, 13 Novembro de 2019

O Concello de Mugardos inicia os traballos para reformular o seu Mercado Municipal

/ Xoves, 20/07/2017 - 08:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Comezou xa a primeira fase do traballo co que o Concello de Mugardos quere levar o Mercado de San Telmo a unha nova etapa.

Esta primeira fase consistirá na recollida e análise da opinión dos distintos sectores relacionados, como son as propias praceiras, clientes, posibles emprendedoras e as produtoras e hostalería local.

A participación destes axentes xunto coa corporación municipal será o fío condutor que leve á elaboración, nunha segunda fase, dunha proposta de reforma non só física, senón tamén de orientación da nova praza de abastos, nacida do consenso entre as partes implicadas.

Mugardos quere seguir así o ronsel das reformulacións de mercados tan exitosas como as dos concellos de Monforte, Tomiño ou Mondariz, e que recollen as directrices marcadas polo Plan de Mercados Excelentes 2016-2020 da Xunta de Galicia para o financiamento destes proxectos.