Martes, 21 Novembro de 2017

O Concello regula o pago fraccionado no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica

/ Martes, 07/11/2017 - 09:07
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Coñecedores das dificultades económicas das familias e da existencia por necesidade de dous vehículos en moitos dos fogares, o goberno propuxo ao Pleno da Corporación a modificación da ordenanza coa finalidade de incorporar o pago en dúas veces sen intereses do citado imposto. A solicitude de fraccionamento deberá rexistrarse no primeiro trimestre do ano.

A modificación proposta incorpora unha bonificación do 90% para os vehículos históricos. Os vehículos deberán estar  catalogados pola Comunidade Autónoma, por ser esta a competente.

De igual forma, o goberno regulariza os coeficientes situando o xenérico no 1,5 moi lonxe do máximo legal permitido por lei, coa salientable excepción dos turismos de 12 ata 15,99 cabalos fiscais que quedaría no 1,39 para non ver incrementado de forma significativa o recibo.

Podemos dicir que a regularización dos coeficientes ten un efecto practicamente nulo na cidadanía que ve como se mantén o que teñen que pagar.

Por último, o goberno regula aspectos formais e substantivos para a mellor aplicación das bonificacións contidas no imposto para vehículos en función do tipo de motor ou de combustible, existindo diferentes bonificacións neste apartado.

A proposta contou co voto favorable de EU, BNG, PSOE, coa abstención de ICM e o voto en contra do PP.