Martes, 21 Novembro de 2017

Por segundo ano consecutivo a cidadanía de Mugardos verá minorado o seu recibo do Imposto de Bens Inmobles

/ Martes, 07/11/2017 - 08:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A proposta do goberno foi aprobada co voto de todos os Grupos Municipais integrantes da Corporación.

A mesma inclúe pasar do coeficiente 0,57 a 0,54 nos Bens Inmobles de natureza urbana. Recordar que o ano anterior xa se aprobou a proposta do goberno de baixar do 0,60 ao 0,57.

Na práctica supón que unha veciña de Mugardos cun valor catastral de 90.000 € pagaba no ano 2016 uns 540 € e pagará no 2018 uns 486 €.

A mingua de ingresos non repercutirá negativamente no erario público, o que na practica supón poder seguir mantendo o emprego, as políticas sociais e de inversión en obras grazas ó incremento do coeficiente nos usos industriais, que pasa dun coeficiente do 0,85 ao 1,10 (o máximo legal permitido).

Convén aclarar que o coeficiente de usos industriais ten un efecto moi localizado, o que significa que máis do 90% dos bens inmobles industriais vense beneficiados da mesma minoración que a veciñanza.

Queremos recordar que a ordenanza contén a posibilidade de fraccionamento do pago en dúas veces se a solicitude preséntase dentro do primeiro trimestre do mes de marzo.

Con esta nova proposta de modificación o goberno cumpre o seu compromiso de elevar ao máximo o coeficiente nos usos industriais e aliviar as economías familiares cunha diminución do recibo sen que se resintan os ingresos indirectos das familias a través da prestación de servizos que o Concello ofrece á cidadanía para fomentar a igualdade de oportunidades nunha sociedade máis equilibrada no social.