Martes, 12 Decembro de 2017

Patrimonio autoriza as obras de consolidación e desentullo do edificio do antigo Cine Zárate

/ Luns, 27/11/2017 - 20:32
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local xa ten en marcha os trámites para sacar a concurso a actuación e poñela en marcha no menor prazo posible.

A Comisión Territorial de Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ditou unha resolución favorable ao proxecto presentado polo Concello de Mugardos para a consolidación e desentullo do edificio do antigo Cine Zárate.

A actuación está valorada en cerca de 143.300 euros e a administración local conta xa cunha partida consignada, segundo a modificación de créditos aprobada na sesión plenaria do pasado xoves co voto favorable do BNG.

A alcaldesa, Pilar Díaz, expresou a súa satisfacción por esta autorización, que significa o inicio do desbloqueo” da situación do Cine Zárate e que, sobre todo, “abre o camiño ao proceso de rexeneración do conxunto e á creación dunha zona verde e con espazos para a cultura e o ocio da veciñanza de Mugardos”.

A alcaldía de Mugardos xa iniciou os trámites para sacar a concurso a obra, que terá un prazo de execución de catro meses. A intervención incluirá a consolidación das estruturas nas que a súa situación reviste perigo, así como a demolición dalgúns elementos que non forman parte do conxunto protexido. É o caso dos “quioscos”, e do muro que linda coa Casa do Concello, así como da muralla posterior ao conxunto, onde se vai recuperar a vella fonte dos catro caños. O solar vai ser pavimentado con lousas de granito e executarase, no lugar dos quioscos, un banco corrido a modo de varanda de protección.

Unicamente serán eliminadas aquelas partes irrecuperables dos inmobles, polo seu estado, aínda que se sacarán moldes dos elementos singulares para garantir a súa recuperación. O edificio cubrirase cunhas lonas decoradas coa intención de mitigar as molestias e mellorar o aspecto do conxunto durante as obras.

O goberno municipal de Mugardos conta tamén cunha partida de 90.000 euros, consignada na mesma operación de modificación de créditos aprobada no último pleno, para a compra de parcelas colindantes ao Cine Zárate. O Concello é xa o titular da propiedade de tres fincas nesa zona e a intención é facerse con algunha máis para sumala ao proxecto de rexeneración de toda a contorna.

Coa finalidade de definir os usos finais do edificio do Cine Zárate, o Concello fixo xa unha consulta a Patrimonio.

Solicitouse ao organismo que marque “as liñas vermellas”, as limitacións que impón a protección especial do edificio, para poder estudar a continuación as posibilidades reais do mesmo. O obxectivo é, en todo caso, que sexan usos culturais e de ocio para a veciñanza de Mugardos.