Martes, 12 Decembro de 2017

Máis dunha vintena de escolares estrean o novo comedor do CEIP Santiago Apóstolo

/ Martes, 28/11/2017 - 17:09
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O servizo de almorzos para madrugadores porase en marcha en breve.

O CEIP Santiago Apóstolo de Franza, en Mugardos, vén de estrear o seu novo comedor escolar, que o Concello habilitou cunha inversión de máis de 28.000 euros, un 67% dos mesmos sufragados con fondos europeos Leader xestionados a través da asociación Seitura.

O servizo comezou a funcionar o pasado luns con 21 nenos e nenas, 17 deles apuntados para o mes completo, e actualmente se están a realizar inscripcións no turno de almorzos para madrugadores, coa previsión de que comece tamén a funcionar en breve.

973

A actuación consistiu en adecuar unha aula do centro e mercar o equipamento preciso para quentar os menús e tamén xogos e outros materiais necesarios. A capacidade é de 24 prazas, aínda que a previsión é que poidan chegar a ser o doble de usuarios coa organización de dous turnos. A empresa Alimentación Saludable Galega, que tamén se ocupa do comedor do CEIP Unión Mugardesa, atende o servizo.

Desde o goberno municipal destacouse a importancia do comedor escolar, polo que supón para a conciliación da vida familiar e laboral das nais e pais e tamén pola axuda que representa para aquelas familias con recursos limitados.

974

Así mesmo, subliñouse que o Santiago Apóstolo se suma ao CEIP Unión Mugardesa e á escola infantil As Lagoas, que tamén contan con comedor e servizo para madrugadores. Segundo a ordenanza municipal reguladora deste servizo aquelas familias que non chegan a cobrar o 80% do IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples) reciben o xantar e o almorzo gratuitamente. Aplícanse unha serie de tramos, segundo a renta, ata chegar ás familias, no outro extremo, cuxa renta é máis do 200% do IPREM e que pagan o prezo íntegro do xantar (4,40 euros) e do desayuno (2,16 euros).

Unha parte do custo do comedor corre a cargo da Consellería de Política Social. Segundo o convenio de colaboración que esta administración mantén co Concello de Mugardos, as súas aportacións serán de 6.944 euros de setembro a decembro deste 2017; de 22.072 euros de enero a xuño e setembro a decembro de 2018; e de 15.128 euros de enero a xuño de 2019. O resto, salvo a parte non subvencionada das familias, asúmeo a administración municipal.