Martes, 12 Decembro de 2017

O Concello acomete obras para a posta en valor do Camiño da Redonda de Abaixo

/ Venres, 01/12/2017 - 14:11
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O itinerario, cada vez máis transitado polo seu interese turístico e paisaxístico, será amañado e sinalizado cunha inversión de 39.000 euros.

O Concello de Mugardos adxudicou recentemente por 39.000 euros obras de acondicionamento e posta en valor do camiño da Redonda de Abaixo, un itinerario con gran valor paisaxístico que é cada vez máis transitado por camiñantes e grupos sendeiristas. A ruta obxecto da intervención parte da ensenada do Baño e chega ata o pintoresco conxunto da Redonda, con casiñas ao pé da ría, aínda que o percorrido dos visitantes adoita continuar tamén ata o castelo da Palma ou máis aló.

As obras servirán para renovar o firme e adecuar a drenaxe para que non se acumule auga no itinerario, restaurar o mirador e instalar sinalizacións verticais e paneis interpretativos da ruta. Faranse tamén arranxos no lavadoiro da Redonda, construído en 1742, tanto na cuberta como no vaso. A intervención suporá igualmente a substitución dun tramo completo da pasarela de madeira que cobre unha parte do camiño e a reparación da varanda. A actuación, que comezará de inmediato, ten un prazo de execución de tres meses e corre a cargo da empresa Varela Collazo.

983

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, sinalou que o goberno procurou a colaboración da Consellería de Turismo co devezo de facer unha intervención máis profunda neste itinerario e acentuar os seus valores para o turismo e o recreo. O proxecto, que finalmente se limitou pola falta de apoio da administración autonómica, estaba orixinalmente valorado en 50.000 euros e incluía outras actuacións como dotar de mobiliario ao mirador ou instalar máis paneis informativos. Porén, o goberno local non renuncia a mellorar a presente intervención e ten intención de insistir na busca de financiación para facelo posible.

980

981

Por outra banda, Pilar Díaz informou de que esta semana comezan as obras de renovación dos pavimentos das rúas Xuncedo e Coruto, ámbalas dúas situadas no Seixo, na parroquia de Franza, e que precisaban dunha intervención urxente polo seu estado de deterioro. O Concello de Mugardos costea a totalidade das obras, adxudicadas en 25.125 euros a Construcións Canarga, e que consistirán na limpeza e adecuación das vías, para posteriormente arranxar as fochancas e pavimentalas. Prevese que a actuación estea rematada para a vindeira semana.