Martes, 12 Decembro de 2017

Ultiman coa instalación de dous invernadoiros as melloras na Escola Infantil Municipal das Lagoas

/ Luns, 04/12/2017 - 20:41
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O paquete de actuacións inclúe a compra de materiais didácticos non sexistas e novas tecnoloxías, así como a renovación e construción de infraestruturas.

Coa instalación de dous invernadoiros, estes días entrou na súa recta final a execución dun paquete de melloras, tanto en infraestruturas como en equipamento, contratado polo Concello de Mugardos para a escola infantil municipal de As Lagoas. O conxunto das actuacións supón unha inversión de case 30.000 euros e a administración local conta cunha achega significativa, de arredor de 27500 euros, da Consellería de Política Territorial.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, María Dolores González Lorenzo, explicou que o contrato é unha posta ao día do centro en canto a materiais e infraestruturas. Destacou a instalación de dous invernadoiros, nos que os nenos e nenas poderán plantar os seus hortos e “xogar na terra”, así como a compra de xogos e materiais non sexistas para potenciar a educación en igualdade. A actuación vai permitir a integración das novas tecnoloxías na escola desde esta etapa de cero a tres anos. O centro conéctase con esta intervención a internet e incorpora ferramentas como o encerado dixital, un proxector, un ordenador e outros recursos.

990

No capítulo de obras, ademáis dos devanditos invernadoiros, quedarán arranxados os peches perimetrais das zonas verdes de recreo na traseira do edificio, anovarase o pavimento da zona exterior de xogos e instalaranse uns toldos verticais que servirán para protexer aos nenos e nenas do sol ou da choiva.

A escola infantil municipal das Lagoas incorporou neste curso o servizo de almorzos para “madrugadores”. González Lorenzo destacou precisamente a conciliación da vida laboral e familiar, xunto coa educación en igualdade, como dúas prioridades para o goberno municipal.