Martes, 12 Decembro de 2017

O Concello de Mugardos remata esta semana as obras de renovación do firme nas rúas Xuncedo e Coruto

/ Martes, 05/12/2017 - 09:10
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local destinou máis de 25.000 euros a esta actuación, que emenda o estado de deterioro que presentaban ambas as dúas vías, na parroquia do Seixo.

Esta mesma semana quedarán rematadas as obras de renovación do pavimento das rúas Xuncedo e Coruto, ambas as dúas situadas na parroquia do Seixo. O goberno local investiu 25125 euros na actuación, que segundo destacou a alcaldesa, Pilar Díaz, emenda o estado de deterioro das vías e dá cumprimento a unha demanda da veciñanza. A empresa Canarga Construcións foi a adxudicataria do contrato.

Pilar Díaz lembrou que o goberno local fixo no mes de febreiro do presente ano a oportuna solicitude para cubrir o 80% do custo desta obra cunha subvención da Dirección Xeral da Administración Local, pero que a resposta foi negativa e finalmente a administración local asumiu todo o seu importe.

As obras consistiron na limpeza dos foxos a ambos os dous lados das vías, no recheo das fochancas, o barrido do firme existente e a pavimentación con mestura bituminosa en quente. A rúa Xuncedo ten unha lonxitude de 295 metros, cun ancho variable, e a de Coruto percorre 519 metros e conta con catro metros de ancho.

993