Martes, 12 Decembro de 2017

Unha trintena de nenas e nenos acudirán nas vacacións de Nadal ao Espazo Infantil de Xogo

/ Martes, 05/12/2017 - 09:23
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Xa está publicada na web do Concello a relación provisional de participantes, un total de 28, e aínda quedan dúas prazas dispoñibles.

O Espazo Infantil de Xogo que o Concello de Mugardos puxo por primeira vez en marcha o pasado verán, cumprirá de novo a súa finalidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar nas vindeiras festas navideñas. Entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, unha trintena de nenos e nenas do municipio, con idades que van dos 3 aos 12 anos, acudirán os días laborables ás instalacións do CEIP Unión Mugardesa e participarán nun programa educativo e de ocio atendido por monitores/as especializado/as.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Dolores González, explicou que xa está publicada na web do Concello a relación provisional de admitidos, de momento un total de 28, e subliñou que aínda quedan dúas prazas libres para familias que queiran facer uso deste servizo. No programa, que está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, son liñas prioritarias a educación para a convivencia, a igualdade e a interculturalidade, a saúde e o consumo responsable.

Por primeira vez nestas vacacións de Nadal, as familias poden recorrer tamén aos servizos de comedor do CEIP Unión Mugardesa. Ofertouse en principio almorzo e xantar, aínda que o primeiro destes servizos non se prestará porque non houbo solicitudes. Así, finalmente o horario será de 10.30 a 14.00 horas, e até ás 15.30 horas para as nenas e nenos que queden a comer.

A inscrición no programa está bonificada para as familias segundo a súa capacidade económica, en tramos que chegan ata o 100% do custo.