Martes, 16 Outubro de 2018

O goberno local adxudica as obras de reposición de servizos na Avenida de Galicia e rúa Lousido

/ Martes, 26/12/2017 - 13:01
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A Xunta de Goberno local acordou nunha reunión extraordinaria celebrada esta semana a adxudicación de dúas obras con cargo ao POS 2017. As actuacións conlevarán a renovación das redes de servizos e a pavimentación da Avenida de Galicia e da rúa Lousido e a inversión total ascenderá a máis de 117.000 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, subliñou que en ámbolos dous casos as intervencións servirán para poñer ao día canalizacións moi antigas, nas que había periódicas avarías, reparacións e as conseguintes molestias para a veciñanza.

A actuación na Avenida de Galicia atinxe ao tramo que vai desde o cruce da rúa do Mercado ata o da rúa María, situado en fronte do consistorio e no que están situados servizos importantes como a Biblioteca Municipal e un bo número de comercios.

A empresa Vilasuso Ortegal resultou adxudicataria destas obras, cun presuposto de 87.483 euros. 

A intervención desenvolverase na beirarrúa e a liña de estacionamento da marxe oposta ao Concello, pola que discorre a actual rede de saneamento unitaria. Separaranse as redes de pluviais e fecais, renovarase o antigo colector de auga potable e as conexións cos domicilios e reporanse as pavimentacións en todo o tramo.

Pola súa banda, Construcións Leonardo Miguélez é a adxudicataria da obra na rúa Lousido, situada na parte traseira da igrexa de San Xiao.

Outras vías da zona viron renovados os seus servizos e pavimentos hai uns anos e quedou pendente esta rúa, na que a rede de saneamento é antiga e as repetidas reparacións deixaron o pavimento cun alto grao de deterioro. 

A obra, que tamén foi consignada no POS 2017, contrátase por un presuposto de 30.224 euros e consistirá na renovación da redes de auga potable, pluviais e fecais e a pavimentación de toda a calzada.

As dúas obras teñen un prazo de execución de tres meses e a previsión é que poidan comezar a mediados de xaneiro, unha vez que pasen as festas.