Xoves, 19 Xullo de 2018

O goberno aprobou o prego para o procedemento de compra de terreos na contorna do cine Zárate

/ Xoves, 04/01/2018 - 15:07
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello orzamentou 90.000 euros para a operación, cuxa finalidade é dotar ao centro urbano dun amplo espazo de equipamentos e espazos de lecer.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o prego de condicións que rexirá o procedemento de adquisición de terreos na contorna do cine Zárate, un proxecto co que o goberno local quere redondear a recuperación do centro urbano de Mugardos. Nos próximos días publicarase o concurso no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil do Contratante da páxina web do Concello, abrindo o prazo para que os propietarios e propietarias das leiras presenten as súas ofertas. A previsión é que no vindeiro mes de abril estean pechadas as operacións de compra.

No prego identifícanse once parcelas na zona do cine Zárate, todas en solo urbano non consolidado (SUNC P-4) e que suman unha superficie de 1.720,00m2. O Concello orzamentou 90.000 euros para a compra de todas ou parte destas leiras. A partir da publicación do anuncio no BOP, as persoas propietarias terán un prazo de dous meses para formular as súas ofertas, que serán puntuadas na mesa de contratación en función do prezo/m2 e da súa proximidade con terreos de titularidade municipal.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, lembrou que a finalidade da actuación é “ir pechando o círculo da rexeneración do centro urbano na vila, toda vez que xa está adxudicada a obra de renovación e instalación de servizos na Avenida de Galicia, está en proceso de licitación a consolidación do cine Zárate, apertura da fonte dos Catro Canos e reurbanización da praza e se incluíu no POS do 2018 a urbanización das rúas Cano da Rúa e Pixigo.

A rexidora local expresou a súa confianza en que os propietarios das leiras chamadas a integrar este novo espazo público de Mugardos “contribúan coa súa oferta a rexenerar un centro urbano que permita a dotación de equipamentos e espazos de lecer para toda a cidadanía”.