Venres, 20 Abril de 2018

O pavillón do Cristo acollerá este venres o festival de Reis

/ Xoves, 04/01/2018 - 15:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello brindou á cativada a posibilidade de optar aos postos de paxe na cabalgata.

O Concello de Mugardos brindou este ano á cativada do municipio a posibilidade de se converter en paxes dos Reis Magos na tradicional cabalgata que terá lugar este venres.

Inscribíronse oito nenas e seis nenos, con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos, e realizouse un sorteo para cubrir as nove vacantes. Os paxes formarán parte da comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar, organizada coa colaboración desinteresada do GES de Mugardos para deixar moitos regalos nas casas de Mugardos e repartir previamente, pola rúa, caramelos sen gluten.

O Pavillón Municipal do Cristo acollerá este venres o tradicional Festival de Reis. A cabalgata chegará ás seis da tarde e compartirá un tempo cos nenos antes de continuar o seu percorrido polas parroquias. No pavillón celebrarase un festival no que os nenos e nenas poderán xogar con inchables, bailar coa animación musical e degustar doces e refrescos ata a solta de globos final, prevista ás nove da noite.

Os Reis Magos e a cabalgata farán un percorrido con paradas ás 19.15 horas na Sociedade do Seixo; ás 20.00 horas no Casino de San Xoán e ás 20.30 horas no de Franza.