Martes, 16 Outubro de 2018

Sesión Vermú con "Do fondo do peto"

/ Xoves, 04/01/2018 - 15:28
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O programa de Nadal de Mugardos rematará o 7 de xaneiro, día de San Xiao, cunha sesión vermú “itinerante”.

O grupo folk “Do Fondo do Peto” levará a súa música de paseo a partir das 13.30 horas desde o peirao da vila ata a Praza Vella, e logo ata a Praza do Concello.

Do Fondo do Peto é un quinteto de experimentados intérpretes de música tradicional galega. Chegará a Mugardos, procedente de Santiago, para dirixir a foliada e animar as rúas de Mugardos no día do patrón.

Ata o día 7 segue o programa de visitas guiadas no Centro de Interpretación do Caldoval, ás 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas. Tódolos días organízase tamén a Busca do Tesouro, que as familias poden realizar ata media hora antes do peche. Calquera destas actividades é gratuíta e non precisa inscrición previa.

Tamén son gratuítos os obradoiros e xogos para a cativada que se organizan a diario ás 11.30 e 17.30 horas, aínda que neste caso é aconsellable reservar praza chamando ao 687 072 116.