Domingo, 21 Xaneiro de 2018

Mugardos mantén conxeladas as taxas do lixo, sumidoiros, auga e EDAR

/ Venres, 05/01/2018 - 13:40
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O Concello de Mugardos vén de tramitar a publicación no Boletín Oficial da Provincia da convocatoria para a solicitude da exención do pago das taxas de lixo, sumidoiros, subministración de auga e EDAR, cuxas ordenanzas están vixentes desde o ano 2016 e polo tanto cos seus prexos conxelados desde aquela.
A concelleira de Benestar, Lola González, explicou que a medida se enmarca dentro da política social e redistributiva que promove o Concello, co obxectivo último de garantir os servizos básicos a todas as familias de Mugardos.
 
A edil expresou a preocupación do goberno local “pola situación económica das familias que ano tras ano se ven obrigadas a renovar a solitude de exención das tasas pola súa minguada capacidade económica, froito da crise económica e a precariedade laboral e das pensións”.
 
Tras a publicación do BOP, prevista nos vindeiros días, abrirase un prazo que irá do 15 de xaneiro ao 9 de febreiro para solicitar a exención do pago destas tasas. As unidades familiares con ingresos inferiores ou iguais ao 125% do IPREM poden acudir ao Concello para tramitala. 
 
A información económica a aportar será a correspondente ao exercicio de 2016, porén as unidades familiares cuxa situación variase desde aquela poderán acudir ao Concello durante todo o ano e acreditalo para solicitar igualmente a exención.
 
Ademais das condicións económicas, son requisitos imprescindibles para solicitar a exención estar empadroado no Concello de Mugardos e que a vivenda pola que se solicita o beneficio fiscal sexa a habitual.
 
As persoas interesadas deberán dirixirse ao Departamento de Benestar Social, no segundo andar do Concello.