Xoves, 19 Xullo de 2018

Abertas as plicas para contratar obras de mellora de camiños municipais por valor de máis de 188000 euros

/ Luns, 08/01/2018 - 10:57
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación proxectada, á que optan doce empresas, ten a envergadura precisa para deixar os viais arranxados para dez anos.

A mesa de contratación do Concello de Mugardos abriu na mañá do día 4 de xaneiro as plicas do concurso convocado para a mellora de oito camiños municipais. Doce empresas concorren ao proceso, que ten un orzamento de licitación de 188.139,46 euros procedente dunha modificación de crédito aprobada no pleno extraordinario do 16 de novembro cos votos a favor de EU e BNG, as abstencións de ICM e PSOE e o voto en contra do PP. A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, lembrou que sen dita modificación de crédito non podería abordarse este proxecto, “que resposta á necesidade de elaborar un plan amplo de renovación dos firmes das vías públicas para que poidan prestar un servizo de calidade e duradeiro”.

O proxecto, de feito, non se limita a cubrir as fochancas e renovar a capa de asfalto, senón que están previstas actuacións máis profundas naqueles viais en peor estado. A previsión é que estas obras teñan unha vida útil de dez anos. A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 1 de decembro o prego de cláusulas para o procedemento negociado e na mañá do día 4 abriuse a documentación e ofertas económicas das doce empresas que concorreron ao mesmo. Agora a mesa de contratación terá que voltar a reunirse para rematar co proceso de licitación, que se prevé esté rematado no vindeiro mes de febreiro.

É un paquete de obras de certa envergadura, que inclúe a reparación e pavimentación de camiños municipais situados tanto no casco urbano como na zona rural. Trátase das Viñas, Mariocos, Contramaestre Casado, Mercado e Curros Enríquez. Ademais, serán particularmente profundas as intervencións na rúa Casás, cuxo estado esixe o saneo da calzada e a reposición de dous tramos de beirarrúas, e Coruto, onde tamén se realizará un saneamento previo e a extensión de capas de pena miúda e grava previo ao asfaltado. E, por último, renovaranse por completo dous tramos de beirarrúas de O Cristo.