Martes, 16 Outubro de 2018

O Centro de Interpretación do Caldoval recibiu nos seus catro primeiros meses preto de 2400 visitas

/ Luns, 08/01/2018 - 10:40
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es

O xacemento atrae a xente de toda a comarca de Ferrolterra e cada vez máis a persoas de diferentes puntos de Galicia e do resto do Estado.

A poucos días de se cumpriren catro meses desde a inauguración do Centro de Interpretación de Caldoval, xa visitaron o xacemento preto de 2.400 visitantes, un número que está por riba das expectativas iniciais e que confirma a importancia que este recurso ten como catalizador do turismo e a economía local de Mugardos. É unha aposta do goberno municipal darlle pulo á instalación a través da organización de visitas guiadas e todo tipo de actividades e eventos que contribúen a atraer persoas non só da propia vila, senón de toda a comarca de Ferrolterra e cada vez máis, segundo confirma a empresa encargada da xestión, de outros puntos de Galicia e de todo o Estado.

Nestas datas de Nadal o Centro de Interpretación contou con visitantes de procedencias moi diversas. Todos os días, ata o domingo 7, organizáronse visitas guiadas gratuítas ás 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas, nas que os grupos coñeceron da man dunha experta en patrimonio e turismo cultural o xacemento romano.

Tamén se organizan obradoiros de balde para os nenos e nenas, ás 11.30 e as 17.30 horas -neste caso é convinte reservar praza chamando ao 687 072 116- e está a ter unha grande acollida a proposta “Busca do Tesouro de Caldoval”. Trátase dun xogo para as familias, no que teñen que ir descubrindo pistas agochadas pola instalación e superar unha serie de probas, que pode realizarse todos os días ata media hora antes do peche.

1042

O traballo desenvolto nestes catro meses desde a inauguración, o pasado 8 de setembro, está a converter Caldoval nun referente entre os museos adicados á época romana do noroeste peninsular. Destaca, tamén, o interese que xa esperta entre os grupos escolares, que poden visitalo de balde e atopar actividades deseñadas á medida dos diferentes niveis educativos.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Lola González, estima que ademais de poñer en valor os restos arqueolóxicos, Caldoval “está a ser moi ben valorado pola súa estrutura e a oportunidade de facer actividades en familia, xuntando xogo e aprendizaxe”. “Sorprende e agrada ler os comentarios no libro de visitas, nos que se salienta a importancia dos restos e o trato e as explicacións recibidas”, comentou a edil, que confirmou a intención do goberno local e da empresa encargada da xestión de continuar traballando para consolidar o Centro de Interpretación como un referente e ofrecer máis actividades ligadas á historia do legado romano.

1041

O horario de apertura do Centro de Interpretación de Caldoval é de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Máis información na web www.museocaldoval.gal