Martes, 16 Outubro de 2018

A ordenanza do imposto de rodaxe permite por primeira vez o fraccionamento do pago

/ Luns, 08/01/2018 - 11:28
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actualización introduce algunhas novas bonificacións e mantén o tipo para a maioría do padrón de vehículos.

Coa súa recente publicación no BOP, vén de entrar en vigor a nova ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica do Concello de Mugardos.

O texto, que fora aprobado no pleno do 27 de outubro cos votos a favor de EU, BNG e PSOE, conleva uha actualización de coeficientes e dalgúns conceptos pero “non significa incremento, senón que o imposto segue conxelado para a maioría do padrón”, destacou a alcaldesa, Pilar Díaz.

Entre as novidades máis salientables está a posibilidade de fraccionar o pago do imposto en dous prazos, que por primeira vez terán os propietarios dos vehículos rexistrados en Mugardos. As persoas interesadas terán que solicitar o fraccionamento antes do vindeiro 31 de marzo -en caso de facelo a posteriori causaría efecto para o ano seguinte, non para o exercicio en curso- para que se lles pase ao cobro o importe en dous prazos. O 50% pasarase a cobrar o 5 de abril e o outro 50%, o 5 de xullo.

Introduce tamén a nova ordenanza unha bonificación específica para os vehículos históricos, do 90%, que antes non existía. E no mesmo capítulo das bonificacións figura algunha nova en función do tipo de carburante e do tipo do vehículo que antes non estaba contemplada, para actualizar a normativa á realidade actual do parque móbil.