Martes, 16 Outubro de 2018

Ciclo "As mulleres temos voz"

/ Mércores, 10/01/2018 - 09:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Un concerto abre este sábado o ciclo “As mulleres temos voz”, no que haberá música, cine, teatro e reflexión, con total protagonismo feminino.

O Concello inaugurará este sábado o ciclo de actividades “As mulleres temos voz”, un programa construído con total protagonismo feminino para a conmemoración do 8 de Marzo. Programáronse cinco actos que combinan a música, o cine, o teatro e tamén o debate, que se desenvolverán en diferentes parroquias de Mugardos. A concelleira de Igualdade e Cooperación, Lola González, salientou que “as mulleres temos voz e as voces das mulleres deben de ser escoitadas en todos os eidos” e apuntou que a conmemoración do Día Internacional da Muller serve cada ano “para reclamarmos dereitos perdidos ou non acadados, defender as nosas vidas contra o espanto da violencia de xénero, reivindicar que se rache coa brecha salarial e o teito de cristal no traballo, pedir unha maternidade xusta que non impida o noso desenvolvemento como mulleres no persoal e laboral, e moito máis”.

O ciclo “As mulleres temos voz” nace con esa idea de “escoitarnos e cambiar experiencias e opinións, adquirir ferramentas para a vida”, explica Lola González, e tamén “pasar un bo rato con grandes voces de mulleres que levan á música estas a outras cuestións”. A edil recorda que os éxitos e logros das mulleres quedan en segundo plano nos medios de comunicación, no deporte, na cultura ou na empresa, polo que “temos que seguir loitando por unha vida ao mesmo nivel que os homes”. “Nesa liña imos seguir traballando neste 2018 desde o Concello”, dixo a edil, que invitou ás mulleres de todas as idades a participar no ciclo.

O programa comezará este sábado e continuará ata o 17 de marzo, cos seguintes actos:

  1. Concerto de Amparo Arias. 13 de xaneiro, 20.00 horas, na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo. A cantautora limodresa ofrecerá as súas cancións con influxos do pop, folk, bossanova e psicodelia. A música editou co ferrolán Óscar Quant o disco “Todo lo que no pasó” e o pasado verán lanzouse a percorrer escenarios, despois de moito tempo de silencio, acompañada polo seu irmán Roger de Flor.
  2. Obradoiro sobre xénero e igualdade. 9 de febreiro, 17.00 horas, no salón de plenos do Concello de Mugardos. Esta actividade correrá a cargo da socióloga coruñesa Cristina Bajo Enríquez, investigadora e consultora en cuestións de igualdade e destacada activista do movemento feminista.No taller proxectarase a película “Sufragistas”, unha proxección inglesa protagonizada por Carey Mulligan e Meryl Streep, que narra un capítulo da dura loita das mulleres por conquerir o dereito ao voto.
  3. Concerto de Las Antonias.10 de febreiro, 20.00 horas, no Casino Progreso de Franza. O trío creado  en 2015 na Coruña por Ana Lee, Mamen Bazarra e Gelen García Fagotto ofrece un espectáculo transgresor, cheo de reivindicación e tamén de diversión. Tal como elas mesmas definen o seu traballo:“Destripamos cancións de sempre, empoderamos mulleres, cambiamos letras, incluímos humor e ensaiamos con público”.
  4. Documental “Como el sol, al mediodía” e mesa-debate con Lucía Rodríguez. 16 de marzo, 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Mugardos. Lucía Rodríguez Fernández é unha muller mugardesa que estudou Delineación e traballou en Navantia, pero que despois emprendeu unha nova carreira seguindo a súa vocación artística. Ingresou na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid onde rematou o grao e agora realiza un Máster de Educación Cultural e Institucións Sociais e Culturais. No documental “Como el sol, al mediodía” conta a experiencia de seis mulleres que ingresaron na súa Facultade para formarse como artistas e que tiveron que superar trabas xeradas pola idade ou o xénero.
  5. Comedia musical “Mangoreté”. 17 de marzo, 19.00 horas, na Praza do Concello. Bea García e Desirée Pillado, dúas artistas formadas na Escola de Teatro de Narón, definen este espectáculo como “unha comedia musical sobre mundos modernos”. Na peza, elas encarnan a dúas azafatas de voo que chegan doutro planeta e tentan convencer ao auditorio de que viaxe con elas a un mundo mellor. O espectáculo está ambientado nos anos 50 e percorre os grandes éxitos musicais daquela época.

1045