Xoves, 19 Xullo de 2018

Comeza o novo calendario do programa de rutas de sendeirismo "Mugardos Camiña 2018"

/ Xoves, 11/01/2018 - 09:42
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello organiza, coa colaboración da AVV Montefaro, cinco saídas desde este domingo ata o 13 de maio.

O Concello retomará este domingo o programa de rutas de sendeirismo “Mugardos Camiña”, que vén organizando coa colaboración da Asociación de Veciños Montefaro e que contempla, nesta nova edición de xaneiro a maio, cinco saídas. A concelleira de Deportes, Lola González, destacou que “a actividade promove o exercicio físico moderado, ao alcance da maioría da veciñanza, e ao tempo favorece un mellor coñecemento do propio patrimonio natural e histórico do propio municipio e tamén da súa contorna”.

A ruta proposta para este domingo, día 14 de xaneiro, percorrerá terras da parroquia de Caamouco, pertencente a Ares. As persoas interesadas poden inscribirse e informarse na OMIX do Concello de Mugardos, de 09.00 a 14.00 horas, ou ben chamar por teléfono (981 470 338) ou enviar un mail a deportes@concellodemugardos.gal. A saída tomarase desde o propio Concello, ás 10.00 horas e o remate está previsto ás 14.00 horas. A dificultade é media.

As seguintes rutas propostas serán por terras de Ares, o 11 de febreiro; por Chanteiro, o 11 de marzo; polo río Belelle, o 15 de abril; e polo río Eume e o mosteiro de Caaveiro, o 13 de maio. Todas as saídas terán unha duración máxima de catro horas e a inscrición é gratuíta.