Domingo, 22 Setembro de 2019

O Concello de Mugardos abrirá a oficina de rehabilitación o vindeiro 1 de febreiro

/ Martes, 30/01/2018 - 13:24
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O mesmo día, ás 18.00 horas no salón de plenos, haberá unha charla para informar á veciñanza sobre as axudas, coas que se prevé mobilizar máis de 115.000 euros de inversión.

A partir do vindeiro día 1 funcionará no Concello de Mugardos a oficina para a xestión das axudas e subvencións de rehabilitación de vivendas e edificios dentro da Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) dos núcleos de Mugardos e O Seixo. O goberno local programou unha charla informativa para o mesmo día, ás seis da tarde no salón de plenos, na que se explicarán con detalle á veciñanza as bases desta convocatoria, que precisamente hoxe sae publicada no BOP.

En total, o presuposto para a ARRU de Mugardos e O Seixo será de 133.428,57 euros, dos que 63.485,77 (o 47,58%) serán investidos polos propietarios dos inmobles. O Ministerio de Fomento aportará 44.400 euros (o 33,28%); a Xunta de Galicia, 17.907,84 euros (o 13,42%), e o Concello de Mugardos os 7.634,99 euros restantes (5,72%). Os fondos municipais, xunto con outros 4.000 e 6.000 euros procedentes das achegas do Ministerio e a Xunta, respectivamente, serven para costear a oficina de rehabilitación, de maneira que a inversión nas vivendas e na renovación urbana ascenderá a máis de 115.000 euros.

O arquitecto Alejandro García Virosta, que xa traballou nunha fase anterior na xestión dos proxectos de rehabilitación de Mugardos, estará á fronte da oficina, que abrirá no Concello a partir do 1 de febreiro en horario de mañá e tarde. Segundo as bases da convocatoria, aprobadas pola Xunta de Goberno o pasado 11 de xaneiro, as solicitudes terán que presentarse nun prazo dun mes contado a partir do 24 de xaneiro -o día seguinte á publicación no BOP- e as obras terán que estar feitas e xustificadas antes do 15 de setembro.

1052

As actuacións subvencionables serán obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente, así como obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción. As axudas do Ministerio de Fomento chegarán como máximo a 11.000 euros por vivenda ou ata 30.000 euros no caso do levantamento de novas vivendas en substitución doutra previamente demolida. A estas cantidades poderán sumarse ata 4.000 euros máis por vivenda procedentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia. As axudas teñen que solicitarse para a vivenda habitual. Noutro caso, obrigatoriamente, o promotor terá que destinala a alquiler durante tres anos.

A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, apuntou que avanzar no proceso de rehabilitación dos cascos antigos é algo moi positivo para Mugardos. “Aínda que o volume das axudas non sexa de envergadura e para moitos será difícil abordar proxectos de rehabilitación integral das súas propiedades, é importante que lles permita facer obras que mellorarán a habitabilidade, a eficiencia enerxética, a accesibilidade, o arreglo de fachadas, etc”.

As axudas enmárcanse nos acordos subscritos entre o Ministerio de Fomento, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Mugardos o pasado 26 de outubro de 2016 e as actuacións cínxense ao ámbito territorial que consta no “Estudo e análise do estado da edificación do casco antigo do Concello de Mugardos”, aprobado o 17 de abril de 2006.