Luns, 19 Febreiro de 2018

O Concello de Mugardos celebra hoxe a charla informativa sobre as axudas de rehabilitación

/ Xoves, 01/02/2018 - 08:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A cita é ás 18.00 horas no salón de plenos e toda a veciñanza está invitada a asistir.

O salón de plenos do Concello de Mugardos acollerá hoxe, ás 18.00 horas, unha charla na que se informará polo miudo da convocatoria de axudas e subvencións de rehabilitación de vivendas e edificios da Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) dos núcleos de Mugardos e O Seixo. A convocatoria foi publicada o pasado día 23 de xaneiro no BOP e o prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o vindeiro 23 de febreiro.

A partir de hoxe funcionará no Concello de Mugardos a Oficina de Rehabilitación, que estará ao cargo do arquitecto Alejandro García Virosta, e abrirá en horario de mañá e tarde. En total, o orzamento para a ARRU de Mugardos e O Seixo será de 133428,57 euros, dos que 63485,77 (o 47,58%) serán investidos polos propietarios dos inmobles. O Ministerio de Fomento aportará 44400 euros (o 33,28%); a Xunta de Galicia, 17907,84 euros (o 13,42%), e o Concello de Mugardos os 7634,99 euros restantes (5,72%).

Na sesión informativa participará o técnico Alejandro García Virosta a a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, quen chama a participación da veciñanza para informarse e resolver dúbidas. A responsable subliña o interese que estas axudas poden ter para abordar obras de mellora de accesibilidade, eficiencia enerxética e outras cuestións que melloren a habilitabilidade dos inmobles, máis aló das intervencións integrais que, tamén, poidan ser acometidas.

As bases da convocatoria poden consultarse nesta ligazón.