Martes, 20 Novembro de 2018

O Concello prevé comezar en febreiro as obras de pavimentación da rúa Seaña

/ Xoves, 01/02/2018 - 08:59
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A mesa de contratación reuniuse onte e seleccionou a oferta da empresa Canarga, cun orzamento de 58400 euros.

A mesa de contratación do Concello de Mugardos reuniuse onte para facer a proposta de adxudicación das obras de pavimentación da rúa Francisco Yáñez Badía, máis coñecida como A Seaña. A oferta mellor valorada foi a da empresa Canarga, cun presuposto de 58400 euros co IVE incluído. Unha vez que a empresa presente a oportuna documentación, a Xunta de Goberno fará a adxudicación. A previsión é que as obras dean comezo no mes de febreiro.

A intervención acometerase cos remanentes xerados nas actuacións do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para o ano 2016, e de partida o orzamento de licitación era de 94483 euros. A administración provincial financiará aproximadamente o 63% do investimento e o resto será achegado polas arcas municipais.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, sinalou que con estas obras vaise arranxar un vial que se atopa en mal estado, mellorando a seguridade e a accesibilidade para a veciñanza da zona. A rúa da Seaña ten un trazado formado por tres camiños que suman máis de 1,8 quilómetros de lonxitude. A calzada ten catro metros de ancho.

Os traballos incluirán a limpeza dos foxos, a reparación das fochancas e a aplicación dunha capa de mestura asfáltica en quente. O prazo de execución é de dous meses.