Martes, 22 Maio de 2018

O Concello tramita axudas para a contratación de catro persoas

/ Venres, 02/02/2018 - 09:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local promoverá o emprego a través de programas da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

O goberno local de Mugardos vén de tramitar ante a Deputación da Coruña e a Consellería de Economía, Emprego e Industria senllas solicitudes de axudas para a contratación de catro persoas. Concretamente, o Concello impulsa a incorporación de dous técnicos de información e turismo, durante un período de catro meses, e de dous peóns, durante sete meses.

A subvención da Deputación Provincial tradúcese nunha axuda de 18532,48 euros para a contratación de dúas persoas que se ocuparán da atención da Oficina de Turismo da vila. E por outra banda, o Concello acóllese a un programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar a inserción laboral de persoas en risco de exclusión. Neste caso, a administración autonómica achega 22665,16 euros para empregar dous peóns durante sete meses e co 75% da xornada.

A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que nos dous programas o goberno local solicitou a máxima contía prevista, de maneira que o Concello ten tamén que achegar fondos pero se aproveitarán todos os recursos para o emprego. No caso do persoal para a Oficina de Turismo, Díaz recordou que o goberno local aposta pola promoción turística do municipio e que estas incorporacións permitirán dar o mellor servizo aos visitantes pero tamén facer un traballo de difusión cos operadores do sector para atraer máis turistas. As contratacións a través da axuda da Deputación permitirán, comentou, reeditar as rutas guiadas pola vila que tan boa acollida tiveron no verán pasado.