Martes, 21 Agosto de 2018

ABANCA e o concello activan opcións de crédito para facilitar a compra e rehabilitación de vivendas

/ Martes, 06/02/2018 - 14:43
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A iniciativa, denominada “Rehabilita Mugardos”, inclúe varias modalidades de hipotecas, préstamos persoais para reformas e anticipos de subvencións en condicións vantaxosas.

ABANCA e o Concello de Mugardos acadaron un acordo de colaboración en materia financeira co obxectivo de facilitar a compra e rehabilitación de vivendas no centro histórico mugardés e do Seixo. Grazas a ese acordo, a entidade financeira pon a disposición da veciñanza un plan específico de financiamento destes núcleos urbanos, denominado ‘Rehabilita Mugardos’, que incorpora produtos de crédito unhas condicións vantaxosas con respecto ao mercado. Esta iniciativa encaixa cos esforzos postos en marcha nos últimos tempos para garantir o futuro destes espazos históricos do municipio.

A firma do convenio tivo lugar esta mañá na Alcaldía do Concello de Mugardos, coa participación da alcaldesa do municipio, Pilar Díaz Otero, e a directora da oficina de ABANCA en Mugardos, María Jesús Yáñez Pérez. Tamén asistiron ao acto o director de Zona Betanzos/Eume de ABANCA, José Ulfe Bugallo, e o coordinador de Negocio Institucional, José Manuel Vilariño Orgeira.

Tras a firma do protocolo, Pilar Díaz destacou que “o máis importante é que a persoa que non dispoña de liquidez poida ter acceso aos fondos a través destes créditos, que lles adiantan a contía das subvencións de rehabilitación en mellores condicións cás do mercado actual”.

Pola súa banca, María Jesús Yáñez manifestou que “para ABANCA é unha grande satisfacción poder dinamizar a través do crédito este proxecto de recuperación do centro histórico, que vai contribuír a asentar poboación e, en definitiva, garantir o futuro deste espazo”.

1061

Oferta de produtos

"Rehabilita Mugardos" inclúe unha hipoteca con condicións melloradas e especificamente adaptadas ás necesidades das persoas interesadas na adquisición ou rehabilitación dunha vivenda no centro histórico de Mugardos ou do Seixo. Os solicitantes poderán elixir entre un préstamo a tipo fixo ou variable, a baixo tipo de xuro e con amplos prazos de amortización de ata 30 anos, ademais da posibilidade de introducir carencias.

Ademais, o plan ofrece tamén préstamos persoais de ata 60.000 euros, cun prazo máximo de 10 anos e sen comisións de estudo, amortización ou cancelación anticipada. Esta opción está pensada para o financiamento de obras de reforma da vivenda habitual, co obxectivo de contribuír ao asentamento e fixación de poboación no centro histórico de Mugardos e O Seixo. Entre outras actuacións, poderanse financiar con este préstamo especial melloras en fachadas, cubertas e estruturas, así como substitucións nos servizos de calefacción, electricidade ou fontanería, entre outras.

Do mesmo xeito, ABANCA facilita desde este momento a través do plan "Rehabilita Mugardos" o anticipo de subvencións públicas concedidas a propietarios e rehabilitadores particulares de vivendas nesta zona a través dun préstamo sen xuros.

Para canalizar as diferentes opcións de financiamento habilitadas, a entidade financeira designará persoal na súa oficina de Mugardos para informar ás persoas interesadas e coordinar as operacións.