Martes, 21 Agosto de 2018

Acividades polo Entroido 2018 e ruta de sendeirismo para esta fin de semana

/ Mércores, 07/02/2018 - 10:37
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Este venres haberá actividades de Entroido e o domingo unha nova andaina dentro do programa de rutas "Mugardos Camiña" 2018.

O venres é un día sinalado en Mugardos. Os nenos e nenas dos colexios Loyola e Unión Mugardesa protagonizarán os “entroidiños escolares” e, sempre que a meteoroloxía o permita, sairán dos seus centros ás 12.30 horas para desfilar, cos seus disfraces, polas avenidas de Galicia e do Mar. A cativada da vila irá acompañada dun grupo de gaitas e marcará o inicio dos actos de Entroido na vila.

O mesmo venres haberá un obradoiro de elaboración de “conizudos” -caretas cónicas de papel e cartón- a partir das 16.30 horas, na OMIX. A actividade está dirixida a alumnos e alumnas de primeiro a sexto de Primaria, aínda que os máis pequenos deberán estar acompañados dun adulto. É preciso inscribirse previamente na biblioteca municipal.

Xa o domingo, día 11 de febreiro, está programada unha nova ruta de sendeirismo do programa “Mugardos Camiña”, que o Concello organiza coa colaboración da AVV Montefaro. Nesta ocasión o itinerario percorrerá terras de Ares. A saída será ás 10.00 horas desde o Concello de Mugardos e o remate prevese contra as 14.00 horas. As persoas interesadas teñen que inscribirse previamente na OMIX.