Luns, 19 Febreiro de 2018

Un obradoiro sobre igualdade e un concerto devolven esta semana o foco ao ciclo "As mulleres temos voz"

/ Mércores, 07/02/2018 - 09:06
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O salón de plenos acollerá este venres a proxección da película “Sufragistas” e un obradoiro dirixido pola socióloga Cristina Bajo.

A proxección da película “Sufragistas” dará pé este venres en Mugardos ao segundo acto do programa “As mulleres temos voz”, promovido polo Concello con motivo do 8 de Marzo. O salón de plenos acollerá, a partir das cinco da tarde, o pase da longametraxe e un obradoiro sobre igualdade dirixido pola socióloga Cristina Bajo Enríquez, investigadora e consultora nesta materia así como unha destacada activista do movemento feminino.

“Sufragistas” é unha rodaxe británica que se estreou no ano 2015. Foi dirixida por Sarah Gavron e protagonizada por Meryl Streep, Ben Whishaw, Helena Bonham Carter e Carey Mulligan. A cinta conta a dura loita que protagonizaron en Inglaterra, a finais do século XIX e comezos do XX, as pioneiras do movemento a favor do sufraxio feminino. Mulleres traballadoras que amosaron o seu carácter combativo e que arriscaron todo por reivindicar o dereito a votar e a seren elixidas como os homes. No país das protagonistas, ese dereito non se recoñeceu ata 1928. En España foi en 1931, e outros países próximos pospuxérono aínda máis, por exemplo en Francia ata 1944.

O ciclo “As mulleres temos voz” continuará ao día seguinte, o sábado 10 de febreiro, cun concerto en clave de humor e aberta crítica ao machismo na sociedade actual. “Las Antonias”, un trío formado por Ana Lee, Mamen Bazarra e Gelen García-Fagotto, ofrecerán o seu espectáculo transgresor ás 20.00 horas no Casino Progreso de Franza.

Ambos os dous actos forman parte dun ciclo que, segundo recorda a concelleira de Cultura, Lola González, persegue reivindicar a igualdade das mulleres e darlles a voz e o protagonismo, xa que tantas veces os seus logros son esquecidos nos medios de comunicación, no deporte e noutros eidos. A edil chama a toda a veciñanza a participar nestes actos.