Mércores, 19 Decembro de 2018

O Concello de Mugardos creará un rexistro municipal de solares para sacar propiedades do abandono e da ruína

/ Xoves, 08/02/2018 - 08:29
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local informou na Comisión de Urbanismo do procedemento a seguir para poñer en marcha a nova ferramenta de rexeneración dos cascos antigos.

O goberno local de Mugardos presentou hoxe aos grupos municipais, na Comisión Informativa de Urbanismo, un informe xurídico no que se despexan dúbidas sobre a utilidade de crear un Rexistro Municipal de Solares para salvar do abandono as leiras e construcións en estado de ruína.

A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que este é un “proxecto a longo prazo” que require dun amplo consenso por parte dos grupos municipais. O obxectivo é abrir un camiño máis na rexeneración dos cascos antigos de Mugardos e do Seixo, facelos máis vivos e dinámicos e, en definitiva, atraer poboación.

O proxecto do goberno municipal aproveita unha vía de actuación para a recuperación de solares e edificacións ruinosas que está contida na Lei 2/2016 do Solo de Galicia, no seu artigo 137 e seguintes, así como no Decreto 143/2016, de aprobación do Regulamento da devandita lei. Segundo a normativa, os municipios con poboación inferior aos 50000 habitantes teñen a facultade de crear un Rexistro de Solares e determinar a regulación do seu contido, organización e funcionamento.

O Concello poderá inscribir no Rexistro de Solares aquelas leiras e construcións en ruína ou aquelas sobre as que non se realizaran as medidas de execución forzosa. Un ano despois desde a inclusión do inmoble no rexistro, a administración local terá que sacalo a poxa pública co tipo de licitación que resulte da valoración do mesmo. De quedar deserto o proceso, o Concello podería adquirilo para incorporalo ao patrimonio público ou optar por sacalo a unha segunda poxa, cunha rebaixa do precio tipo dun 25%. Despois dunha segunda poxa sen que se produza a venda, o Concello terá outra oportunidade para comprar ou ben poderá cedelo á Xunta de Galicia. A persoa ou persoas inicialmente propietarias do ben recibirán o prezo de taxación, despois de deducidos os gastos ocasionados ou sancións aplicables.

Tal como hoxe expuxo o goberno local aos grupos, o seguinte paso a dar para a creación deste Rexistro de Solares é a redacción das ordenanzas reguladoras, unha da súa organización e outra fiscal. A intención é comezar de inmediato a tarefa para que as mesmas estean listas o vindeiro verán e comecen os prazos de exposición pública.

Pilar Díaz subliña que o rexistro será unha ferramenta “de moito alcance” para o futuro da vila.Nun Concello como Mugardos, con orzamentos limitados, haberá que destinar cada ano o orzamento que, na medida das nosas posibilidades, permita ir pouco a pouco aflorando solares” e avanzando cara unha vila máis poboada e coidada.