Luns, 19 Febreiro de 2018

O goberno tramita fondos para actualizar a iluminación pública desde o Parque Rosalía ao Castelo da Palma

/ Martes, 13/02/2018 - 08:35
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O Concello ten solicitada unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental que ascendería a preto de 50000 euros.

O goberno local de Mugardos vén de solicitar, conxuntamente co Concello de Ares, unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental para actualizar o sistema de iluminación pública ao longo da Estrada da Palma, desde desde o parque Rosalía de Castro, por O Peteiro, o Baño e a Redonda, ata o castelo. A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que os farois e a rede actual están moi deteriorados polo rozamento das pólas das árbores e que son frecuentes os cortes de luz nos meses de inverno.

Na solicitude presentada ao devandito programa, Mugardos presuposta preto de 50000 euros para substituír os actuais farois por outros con lámpadas tipo LED, unha tecnoloxía que reduce o consumo e a factura e que tamén permite contribuír á redución da contaminación. A obra inclúe o cambio de todos os báculos e o cable.

A convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental está aberta en concorrencia non competitiva ás solicitudes de concellos asociados, como a que presentan Mugardos e Ares, para actuacións en zonas limítrofes de ámbolos dous municipios. Así, a renovación dos farois de iluminación pública collerá tamén un tramo da estrada que vai do Baño a Cervás, ata o límite con Ares. A previsión é que dentro deste exercicio se resolvan e se execute a actuación.