Martes, 20 Novembro de 2018

Mugardos recorre ao Plan de Camiños Rurais da Agader para arranxar os do Eixo, Casal e Fonte da Gallada

/ Mércores, 14/02/2018 - 08:26
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno solicitou unha subvención para acometer melloras por valor de máis de 44000 euros en tres vías.

O goberno local de Mugardos presentou unha solicitude ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019 da Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Local) para acometer o arranxo dos do Eixo, Casal e Fonte da Gallega. O importe total da actuación ascende a 44256 euros e a subvención chegaría a 36576 euros, de xeito que o resto do orzamento irá a cargo do Concello. A alcaldesa, Pilar Díaz, destaca que son calzadas secundarias que presentan un mal estado e precisan dunha renovación e explica que o goberno conta con recibir a axuda e poder acometer as obras entre este ano e o que vén.

O Camiño do Eixo está na parroquia de San Xoán de Piñeiro e percorre menos de oito quilómetros, cun ancho medio de cinco metros. A intervención afectará tamén ao do Casal, ao oeste do anterior, en dous tramos de 1,6 e 3,8 quilómetros, e ancho medio de tres metros. O da Fonte da Gallada ten algo máis de tres quilómetros e un ancho medio de 3,50 metros. As obras previstas incluirán a limpeza dos foxos, o recheo das fochancas e a renovación do asfaltado en tódolos casos.