Venres, 18 Outubro de 2019

Franza terá este verán o seu Espazo Infantil de Xogo, que promove o Concello xunto co CEIP Unión Mugardesa

/ Xoves, 22/02/2018 - 11:00
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A Xunta de Goberno vén de aprobar os pregos de contratación do servizo, para o que se solicitou como en anos anteriores unha subvención da Xunta.

O goberno local de Mugardos traballa na organización dunha nova edición do Espazo Infantil de Xogo, a alternativa educativa e de ocio para os nenos e nenas de tres a doce anos do municipio durante o verán e as vacacións de Nadal. Xunto coas instalacións do CEIP Unión Mugardesa, que xa levan varios anos acollendo estas actividades, cóntase neste 2018 por primeira vez co colexio Santiago Apóstol de Franza, despois da recente estrea do seu comedor escolar. Así, os dous centros ofrecerán as actividades lúdicas e tamén o servizo de comedor ás familias.

Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, o orzamento para os dous Espazos Infantís de Xogo, en Mugardos e Franza, durante o verán e a quenda de Nadal, é de 31685 euros. O Concello solicitou unha subvención de 12000 euros para cubrir parte do custo da contratación de monitores e a organización das actividades, que ascende a 19536 euros. O prego para a contratación dos servizos de almorzo e xantar, nas quendas de verán e Nadal, vai á parte e está orzamentado en 12149,83 euros.

O que non cubra a subvención da Xunta -pendente aínda de resolver- será achegado polo Concello e polas propias familias, que pagarán en función da súa capacidade económica segundo o establecido mas correspondentes ordenanzas fiscais. Estímase que o cobro destas taxas vai xerar uns 5000 euros en total, polas actividades e o comedor.

Pilar Díaz destacou que o feito de que o Concello dotase este curso por primeira vez ao CEIP Santiago Apóstol de servizo de comedor fai posible levar tamén a Franza o Espazo Infantil de Xogo, un servizo importante para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. O programa promove en cada edición o esparexemento da mocidade, pero tamén a educación para a convivencia, a igualdade, a interculturalidade, a saúde e o consumo responsable. A alcaldesa agradeceu a colaboración das direccións dos centros educativos Unión Mugardesa e Santiago Apóstol e subliñou que estes servizos contribúen a fixar poboación nas zonas rurais e facer a localidade máis atractiva para as familias.

Como en anos anteriores, o Espazo Infantil de Xogo organizarase en quendas de quince días -catro en verán e unha en Nadal- e os menores poderán acudir en horario completo, de 08.00 a 14.00 horas, ou reducido, de 10.30 a 14.00 horas. Os almorzos serviranse de 08.00 a 09.30 horas e o xantar será de 14.00 a 15.30 horas. O programa contará con 45 prazas por quenda no colexio Unión Mugardesa e con 30 en Franza.

A Xunta de Goberno aprobou os pregos de condicións que rexerán a contratación do programa educativo e de lecer, por un lado, e da atención ao comedor, por outro. Tamén se ten presentado xa a solicitude de subvención á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.