Venres, 22 Xuño de 2018

Aprobado por unanimidade o proxecto de mellora e accesibilidade do pavillón deportivo do Cristo

/ Mércores, 28/02/2018 - 10:49
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O investimento será de preto de 245500 euros e servirá para arranxar diversas eivas na instalación municipal.

O pleno da corporación mugardesa aprobou onte por unanimidade o proxecto básico de execución para a mellora e accesibilidade do Pavillón Municipal do Cristo. A actuación ten un orzamento de 245449,44 euros, dos que a Deputación da Coruña subvenciona 122163,61 euros e o resto, pouco máis da metade, corre a conta dos fondos do Concello.

Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, é unha intervención importante que permitirá arranxar diversas eivas na instalación, en parte consecuencia da súa orixe, entre elas cubrir unha pista que antes estaba ao aire libre. Así, o pavillón ten os vestiarios e os aseos fóra da nave principal, noutra construción e a outra altura, que non é accesible e que obriga aos usuarios a saír ao exterior para chegar ás duchas, por exemplo. O proxecto aprobado hoxe vai servir para remodelar os baños e os vestiarios e integralos no pavillón.

A obra permitirá crear unha sala de usos múltiples duns 100 metros cadrados de superficie, na que se desenvolverán actividades como as clases de baile, karate ou tai-chi, entre outras, que agora mesmo están dispersas en diferentes locais do municipio, por falta de instalacións axeitadas no pavillón. Tamén se dotará ao polideportivo de acceso a internet e se ampliará o almacén.

Pilar Díaz destacou a importancia da actuación porque vai permitir ao pavillón mugardés desenvolver actividades e competicións de deporte adaptado, cousa ata o de agora imposible, e porque proverá dun novo espazo para as escolas municipais.

1071