Luns, 24 Setembro de 2018

Mugardos abrirá o 10 de marzo o programa das Pepitas

/ Mércores, 28/02/2018 - 10:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A Rondalla Mugardesa presentará a súa madriña nun acto organizado no Casino.

A tradicional homenaxe ás Pepitas centrará boa parte da actividade cultural en Mugardos durante o vindeiro mes de marzo. A Rondalla Mugardesa actuará de anfitrioa no XXVIII Certame de Rondallas que se celebrará o 24 de marzo no Casino Mugardés e que será o colofón a un programa de actos que comezará o día 10 coa presentación da madriña.

A rondalla organiza os actos previos ao certame coa colaboración do Concello e o Casino Mugardés. Esta última entidade acollerá o acto de presentación da madriña o sábado 10 de marzo, ás 19,30 horas. Ao venres seguinte, o 16, será a tradicional recepción no Concello, no que a madriña sairá ao balcón do consistorio municipal para ser homenaxeada coas cancións da Rondalla Mugardesa, a partir das 19.00 horas.

O 18 de marzo celebrarase o tamén tradicional pasarrúas por Mugardos na que só participará a Rondalla Mugardesa.

O Seixo tamén terá o seu pasarrúas. O día 23 de marzo, a partir das 20.00 horas, a Rondalla Mugardesa acudirá a cantar nesta zona, partindo ás 20.00 horas do peirao.

O día 24 de marzo acudirán á vila as seis formacións da comarca que participarán tamén no certame da tarde. Así, xunto á formación local estarán Añoranzas, Club de Campo, Os Trovadores, Lucero del Alba, Sonidos del Alba e Bohemios. As rondallas, con cadansúa madriña, reuniranse ás 13.00 horas e iniciarán unha ronda polas rúas da vila. 

O XXVIII Certame de Rondallas, organizado polo Concello, comezará nas rúas e rematará sobre o escenario do Casino Mugardés. As sete formacións participantes comezarán o seu percorrido ás 17.30 horas no peirao da vila. Ás 18.30 horas arrancará o certame no casino, no que cada rondalla interpretará unha cantiga típica de Pepitas, un tema libre e abandonará o escenario cun pasarrúas.

A orde de actuación será a seguinte: Añoranzas, Club de Campo, Trovadores de Ares, Lucero del Alba, Sonidos del Alba, Bohemios e, para rematar, a Rondalla Mugardesa. Ao rematar o acto, o Concello agasallará ás rondallas con cintas e ás madriñas con ramos de flores.