Luns, 24 Setembro de 2018

Mugardos propón, con Fene e Cabanas, un plan de acción conxunta a Augas de Galicia para rexenerar o río Baa

/ Luns, 05/03/2018 - 12:06
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, vén de enviar a Augas de Galicia a proposta para reverter o alto grao de deterioración que sufre a canle fluvial.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, vén de enviar ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, unha proposta de acción conxunta, cos concellos de Fene e Cabanas, para a rexeneración do río Baa. A intervención xustifícase cun informe no que se documenta coas oportunas imaxes a presenza de lixo, a vexetación descontrolada, o deterioro das marxes pola erosión, a presenza de plantas invasoras e a ausencia da fauna que normalmente tería que habitar nunha canle fluvial como esta. Pilar Díaz considera que é unha proposta acaída para a administración autonómica “no marco da Nova Gobernanza Intermunicipal da Infraestructura Verde da Área da Coruña, que abrangue o Golfo Ártabro” e subliña que os tres concellos vencellados tamén teñen o coidado do medio ambiente entre as súas prioridades.

O Baa atravesa espazos urbanos e industriais –o polígono Vilar do Colo- no seu percorrido por Cabanas, onde nace, Fene e Mugardos, onde desemboca. Augas de Galicia ten a competencia da xestión do río propiamente dito, mentres que os concellos están ao coidado dos arredores da canle fluvia. Así, Pilar Díaz explicou que o idóneo é materializar un plan de cooperación para rehabilitar as zonas de titularidade municipal e tamén actuar sobre a calidade das augas. A alcaldesa apuntou tamén a importancia da colaboración e sensibilización cidadá, que xa se ten expresado en repetidas limpezas, a realización de rutas, etc. De feito, as asociacións Bétula e Aetna, activas neste eido, acompañaron no seu día aos responsables municipais para a elaboración do informe.

1073

A proposta presentada por Mugardos en nome dos tres concellos implicados inclúe acometer unha limpeza integral do río, o control da calidade da auga; a eliminación dalgunhas construcións que alteran a canle do Baa e dificultan o acceso ao mesmo; habilitar camiños e sinalizalos con paneis de interpretación; eliminar especies invasoras e reintroducir fauna autóctona, como a troita, así como rehabilitar canles de deriva de auga aos muíños, agora inutilizadas, pero que poden servir de aliviadoiro natural en caso de enchente e proporcionarían augas mansas para a fauna propia delas.