Luns, 24 Setembro de 2018

O Centro de Interpretación do Caldoval ten todos os venres escolares completos ata xuño

/ Luns, 05/03/2018 - 13:36
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O museo conta cun programa de actividades deseñado especificamente para grupos de Infantil, Primaria e Secundaria.

No seu primeiro ano de funcionamento e pouco despois da súa apertura, o pasado mes de setembro, o Centro de Interpretación de Caldoval vén de corroborar o seu interese para os centros educativos. De aquí a xuño xa están cubertas todas as mañás dos venres para a realización de visitas escolares, un público para o que o museo ten deseñado un programa específico.

Dúas persoas expertas en arqueoloxía e patrimonio encárganse de atender aos grupos escolares e guialos polo xacemento, único no noroeste peninsular. Segundo os seus intereses e as idades dos escolares, desenvolven diferentes obradoiros nos que se amosan aspectos da vida cotiá nuns baños privados romanos de hai 2000 anos. Un deles pode ser o de “Ludi Romani”, no que aprenden a construír xogos de mesa romanos. Outro leva por título “O Perfume do César”, e nel elabóranse ungüentos aromáticos e fálase dos usos estéticos da época. Outros son os talleres “Pintores de Roma”, no que debuxan os nenos e nenas de menor idade, e “Artista dos Mosaicos”, no que constru en decoracións con pequenas tesalas.

1074

Na web do Centro de Interpretación de Caldoval hai cumprida información sobre os diferentes obradoiros e pódese descargar un dossier informativo específico no que se explican as actividades para Infantil, Primaria e Secundaria. As visitas guiadas para os colexios son de balde, ao igual que as que se realizan para o público en xeral. Segundo a concelleira de Cultura, Lola González, o museo está a desempeñar un papel importante na dinamización da economía local de Mugardos. “Os grupos escolares son un público moi importante; Caldoval ten moito que ofrecerlles no coñecemento do noso pasado e os nenos e nenas, pola súa banda, son bos transmisores do interese turístico da nosa vila”.

O museo abre as súas portas os venres, sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Na web https://museocaldoval.gal/gl/ hai un formulario, mail e teléfono para reservar praza nas visitas guiadas para o publico en xeral que se desenvolven os sábados e domingos, en horarios de mañá e de tarde, cunha duración aproximada de 45 minutos.

As reservas de grupos escolares feitas nesta primeira etapa desde a apertura do Centro de Interpretación son de colexios da contorna, os de Mugardos, Ares, Ferrol, Narón, etc.