Venres, 22 Xuño de 2018

O Concello licita obras de renovación de pavimento en varios viais por valor de máis de 122000 euros

/ Xoves, 08/03/2018 - 11:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As actuacións acometeranse con axudas de diferentes plans da Deputación da Coruña.

O Concello de Mugardos saca a licitación obras de pavimentación e mellora en varios viais do municipio por valor de máis de 122000 euros. Son tres actuacións diferentes que se acometen ao abeiro dos programas de Obras e Servizos de 2017 e do Plan de Acción Social de 2015 da Deputación da Coruña. A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que son intervencións dirixidas a renovar o pavimento destes viais e mellorar así as condicións do tránsito e a seguridade viaria nos mesmos.

Con cargo ao POS adicional do ano 2017 licítase a obra das rúas Casal e Coruña. Na primeira, que vai desde a rúa Xesteira á dos Corzás, renovarase o pavimento, colocarase unha arqueta e colector das augas pluviais e cambiaranse as conexións domiciliarias. Na rúa Coruña levarase a cabo unha limpeza das gabias e a renovación do firme. Esta intervención conta cun presuposto de 34674,79 euros.

No mesmo POS adicional de 2017 encádrase a obra de separación de pluviais na Avenida do Seixo, cun presuposto de 55107,37 euros. A intervención permitirá mellorar a rede de recollida da auga da choiva nunha lonxitude duns 150 metros e rematar coa situación actual, na que se producen frecuentes inundacións pola falta de capacidade da rede actual, na que actúa tamén o efecto das mareas no río Baa.

Por último, coas axudas do PAS de 2015 da Deputación sácanse a concurso as obras de mellora das rúas Beiramar e Peteiro. A primeira abrangue tres tramos contiguos de 27, 28 e 295 metros de lonxitude, e a segunda, pola que se accede ao IES Mugardos, ten 196 metros. A actuación conlevará en ámbolos dous casos a limpezas das gabias, a pavimentación e a adaptación dos pozos de rexistro á nova rasante. O prezo de licitación é de 32737,21 euros.

As licitacións publicáronse este luns e as empresas contan cun prazo de oito días naturais para presentar as súas ofertas. Os pregos poden consultarse no perfil do contratatante desta mesma web.