Venres, 22 Xuño de 2018

O Concello de Mugardos asume o arranxo da unitaria do Seixo despois de que Educación descartara facelo

/ Xoves, 08/03/2018 - 11:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A Consellería non garante o futuro da escola se non hai alomenos seis matrículas.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informou de que a Consellería de Educación desbota a idea de arranxar a escola unitaria do Seixo e que finalmente será o Concello o que asuma a obra. O xefe territorial da Consellería, Indalecio Cabana, comunicou ao goberno local o pasado venres que a Xunta non vai actuar para arranxar os danos estruturais no edificio e tamén anunciou que, aínda que a administración local poña de novo o inmoble en condicións, a súa administración non garante que o próximo curso funcione a escola se non hai alomenos seis matrículas.

Tal como se informou no seu momento, o 15 de xaneiro deste ano atopouse derrubado un cacho do falso teito no interior da escola. Tal circunstancia deixou á vista ás vigas e a arquitecta técnica do Concello de Mugardos puido elaborar un informe no que expuxo que hai danos estruturais, causados pola acción xilófaga do caruncho. O derrubamento foi pola noite e non afectou ao alumnado, que inmediatamente foi trasladado ao CEIP Santiago Apóstolo, en Franza, ao que o centro está adscrito. Os oito nenos e nenas que acudían á unitaria do Seixo contan con transporte escolar para ir ao colexio de Franza polo que resta de curso, e tamén co servizo de comedor.

Pilar Díaz explicou que as obras serán executadas durante o verán por parte do Concello, pese a que a competencia neste caso, no que hai danos estruturais, sería da Consellería de Educación. E a continuación expresou a súa preocupación porque a administración autonómica condicione o futuro da unitaria ao número de alumnos que se matriculen no vindeiro curso.

1076

A alcaldesa recordou que desde o goberno local se solicitou en dúas ocasións, o día 16 de febreiro e o 28 de febreiro, unha reunión co delegado de Educación para abordar o tema. Finalmente foi este, o pasado venres, o que comunicou a decisión telefónicamente. Díaz Otero considera que nestas datas, nas que as familias teñen que saber onde poden escolarizar aos fillos o ano que vén, é necesario resolver dúbidas. Desde o goberno local enténdese a calidade educativa como unha prioridade e de feito dedica recursos significativos a apoiala -por exemplo coa apertura do comedor no CEIP de Franza, coas obras de mellora do equipamento da escola das Lagoas ou coa rehabilitación das fachadas da Unión Mugardesa-, e bota de menos a mesma aposta por parte da Consellería de Educación.

Na tarde do luns a alcaldesa, Pilar Díaz,mantivo unha reunión coa ANPA do CEIP Santiago Apóstolo para informala da decisión comunicada pola administración autonómica e tamén da que adoptou o goberno local ao respecto para o mantemento da escola unitaria no Seixo.