Xoves, 14 Novembro de 2019

O Concello acenderá un polbo xigante composto por 50.000 lámpadas led na festa do 14 de xullo.

/ Mércores, 21/03/2018 - 17:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A celebración gastronómica deste ano coincide cos actos do Carme, de maneira que a vila terá festas desde o 14 ao 22 de xullo.

O Concello de Mugardos conta xa co cartel da vindeira edición da Festa do Polbo, a número 28, que se celebrará o segundo sábado de xullo, como é obrigado desde que foi declarada de Interese Galego en 2009. A empresa Item:aga é a responsable do deseño do cartel deste ano, no que se empregou unha imaxe fotográfica para destacar o produto e a marca por enriba de todo, cunha comunicación limpa e sinxela.

Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz, este ano coinciden as datas da Festa do Polbo e as celebracións patronais do Carme, de maneira que os actos prolongaranse desde o 14 de xullo ata o 22.

Por razón da capacidade da propia fachada marítima da vila, e tal e como se informou recentemente, as atraccións de feira trasladaranse á xona do Merlo.

No Parque da Constitución estará a cara na que se servirán as racións de polbo a partir das 13.00 horas. O Concello mercará en total 1.500 kilos do cefalópodo e, como principal novidade, este ano está prevista a adquisición dun polbo xigante de luces que se acenderá na noite do 13 de xullo. Será unha estrutura de aluminio de 8,50 metros de longo, por catro de ancho e 3,50 de alto, que estará iluminado con 50.000 lámpadas tipo led.

A Festa do Polbo do día 14 rematará cunha actuación da orquestra Claxxon no Cantón de Cora. Durante a xornada actuarán a Charanga Mekánica pola mañá e Kilomberos de Monte Alto pola tarde. Ademais, haberá animación infantil.

1081