Domingo, 23 Setembro de 2018

O Centro de Interpretación de Caldoval viviu en marzo o seu segundo mellor mes en número de visitas

/ Mércores, 11/04/2018 - 18:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Unicamente en setembro de 2017, coincidindo coa inauguración do museo, superáronse as 679 persoas que acudiron en marzo

O Centro de Interpretación de Caldoval rexistrou no pasado marzo, coincidindo coas vacacións de Semana Santa, o segundo mes de maior afluencia desde que abriu as súas portas en setembro de 2017. Foron un total de 679 visitantes, dos que unicamente un 8% procedían da propia vila. Máis dun 55% chegaron dalgún outro concello de Ferrolterra, o 18% pertencía ao resto de Galicia e o 17,5% ao resto do Estado. A concelleira de Cultura, Dolores González, celebrou ao fío destes datos que o proxecto se estea a consolidar como un atractivo turístico de primeiro orde dentro da comarca e que se sume á oferta gastronómica ou paisaxística, entre outras, no obxectivo de levar visitantes ao municipio e dinamizar a súa economía.

Segundo a información facilitada desde o goberno local, o 45% dos visitantes no mes de marzo eran familias. Destacou tamén a afluencia de centros educativos, catro no devandito período, e de grupos organizados, que representaron o 25% dos visitantes.

O Centro de Interpretación de Caldoval abriu tódolos días durante a Semana Santa, do 23 de marzo ao 1 de abril, e desenvolveu os xogos e obradoiros que forman parte habitual da súa oferta cultural.

Fóra dos períodos vacacionais, o museo está aberto os venres, sábados, domingos e festivos, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. É de entrada gratuíta e os interesados poden consultar a súa web https://museocaldoval.gal/ para ter toda a información sobre as visitas guiadas e outras actividades.

Campaña de turismo de verán

Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a concesión dunha axuda de 13.089,60 euros ao Concello de Mugardos para a contratación a xornada completa de dous técnicos que atenderán a Oficina de Turismo durante os catro meses de campaña de verán.

A alcaldesa, Pilar Díaz, informou de que o custo destas contratación será en total de 18.532,42 euros e que a administración municipal faise cargo da parte que non cubre a subvención da Deputación.