Domingo, 22 Abril de 2018

Reunión co Presidente de Portos de Galicia

/ Mércores, 11/04/2018 - 17:17
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Pilar Díaz acudirá cos voceiros de tódolos grupos municipais e confía en que o resultado sexa positivo.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, acudirá o mércores día 18, ás 13.30 horas, acompañada polos portavoces de tódolos grupos municipais, a entrevistarse co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, para abordar as consecuencias que ten para a vila a aplicación da resolución do 26 de setembro de 2017 -DOG do 5 de outubro- de dito organismo. Segundo explicou Díaz Otero, “desde o Concello transmitirase a preocupación polo impacto socio-económico que a resolución pode acarrear ao sector da restauración, así como á consolidación do pobo como atractivo turístico e ás posibilidades de desfrute e convivencia que ten o porto para o conxunto da cidadanía de Mugardos”.

A alcaldesa expresou a súa confianza en que a reunión se salde de forma positiva para os intereses de
Mugardos e en que nela será posible abordar algunha outra cuestión que desde hai tempo contemplan os
grupos municipais, como é a posibilidade de iniciar un proceso que conclúa coa integración da zona portuaria na zona de competencia e xestión municipal. Tal como se informou recentemente, a entrevista de mañá foi solicitada por acordo unánime de todos os grupos municipais, despois de que a devandita resolución tivera como consecuencia a prohibición de celebrar na fachada marítima da vila a Milla Nocturna do pasado 17 de marzo.

Pilar Díaz conta tamén con que o encontro sirva para obter resposta ás propostas feitas hai máis de seis meses e relativas a aspectos que poden contribuír a mellorar a imaxe do Porto, como o estado de deterioro que sofre a coñecida como “Casa do Reloxo”, propiedade de Portos.