Xoves, 19 Xullo de 2018

Este mes rematarán as obras de construción dos novos vestiarios do Campo Municipal da Pedreira

/ Venres, 13/04/2018 - 09:12
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A construción terá capacidade para ser utilizada por equipos mixtos, rivais e árbitros.

Este mes rematarán as obras de construción dos novos vestiarios do campo municipal da Pedreira, unha infraestrutura que segundo destacou a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, vai proporcionar as condicións e a comodidade adecuadas ás e aos deportistas que as utilizan, especialmente das categorías inferiores, que son as que máis frecuentan este terreo. “As instalacións adáptanse á nova realidade dos equipos mixtos de fútbol, de maneira que poderán facer uso simultáneo dos diferentes vestiarios os árbitros e xogadores e xogadoras dos equipos rivais”, apuntou Díaz.
 
O Concello de Mugardos adxudicou a obra no pasado mes de setembro, por un importe de 153.724,27 euros, á empresa Zona de Obra O Rosal SLU. O presuposto costéase con cargo ao POS+2017 da Deputación Provincial.
 
A nova construción é un edificio de planta baixa e base rectangular, de 20 metros de fachada por dous de fondo, no que se están a habilitar dous vestiarios principais coas súas correspondentes duchas, de preto de 35 metros cadrados cada un, e outros dous máis pequenos de algo máis de 10 metros cadrados. O inmoble irá equipado con placas solares, que farán máis eficiente o consumo de enerxía, e con calefacción.
 
Pilar Díaz recordou que estes novos vestiarios substitúen aos prefabricados e provisionais que había anteriormente, que xa tiñan rematado a súa vida útil, e que no seu momento o Concello chegou a un acordo co club Galicia de Mugardos, que cedeu o terreo para facer posible esta nova dotación do campo. A alcaldesa explicou que a previsión do goberno municipal é que a obra estea rematada en torno ao vindeiro 20 de abril.